Enerxía devastadora

BARBANZA

MATALOBOS

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

lingua proletaria francisco ant. vidal

Despois da que nos está caendo co efecto invernadoiro e con tanta guerra e desastre inesperado que son a causa de catorce millóns de desprazamentos ó ano por mor de secas, fames e andazos, non sei que gusto lle encontran algúns a converterse en émulos de Xoán o Evanxelista, Nostradamus e outros polo estilo, cando prognostican que se vai acabar o mundo porque vén un asteroide ou porque unha radiación solar vai escangallar todos os sistemas electrónicos de que dependemos. A apocalipse que debemos temer chámase egoísmo consumista e vén, sobre todo, do malgasto enerxético e do afán por dominar as fontes de produción.

Sempre lembramos a famosa extinción dos dinosauros, porque como son os máis grandes tamén son os que máis se ven, pero non foi a única extinción masiva que sufriu o planeta sen necesidade de que ninguén a anunciase, e tampouco foi a máis devastadora. Das cinco ou seis que se rexistran, todas elas motivadas por erupcións volcánicas, a que menos mal fixo acabou co 50 % da vida no planeta, e a que máis, acontecida tras a erupción dun volcán situado na actual Siberia, acabou co 90 % da fauna e flora, cun efecto invernadoiro, destrución da capa de ozono e altos niveis de radiación ultravioleta dos que a terra tardou en recuperarse dez millóns de anos. Estou seguro de que estes síntomas nos soan a todos, así que non é necesario que veñan de fóra os xinetes da apocalipse anunciándose a sopro de trompeta ou con claves de nigromante escritas en ningún libro.

Por sorte para nós, todas esas extinción masivas ocorreron antes de que houbese homínidos sobre a terra, ou sexa, que ningunha delas foi causada pola neglixencia humana nin lle afectou ó xerme da nosa especie, pero deixaron unha marca que ben pode servir de lección. Aquelas desgrazas viñeron sen avisar, e aínda que avisaran non había daquela nin habería agora ninguén para impedilo. Pero algo si podemos prever hoxe en día para non alimentar o lume dun quentamento global que nos asole e extinga por efecto invernadoiro como calquera das citadas ou aínda peor. A apocalipse a que temos que temer é a creada por nós mesmos, capaces de reproducir, aínda que sexa a cámara lenta, os nefastos efectos daqueles volcáns que repercutirán, se non sobre nós, si sobre as xeracións vindeiras, ó amparo de catro energúmenos erixidos en líderes da humanidade. Algún elixido democraticamente, que é o máis grave.

Os primeiros síntomas xa están provocando, xunto cos desastres naturais, a extinción dalgunhas especies necesarias no ecosistema, pero os cálculos non só se limitan a varios insectos ou seres microbianos, que como son tan pequenos nin os vemos nin os sentimos, senón tamén á proliferación de enfermidades dexenerativas que asemade entran no saco apocalíptico. Xa se anuncian subidas do nivel do mar como sucedeu no pasado, incremento da temperatura media, carencias de osíxeno nas augas mariñas e continentais, altas radiacións por raios ultravioleta, devastación forestal e secas pertinaces que impiden a rexeneración do chan en tempo e forma, ou que as eléctricas teñen que botar man dos combustibles fósiles porque os encoros están baleiros. E todo isto non é unha casualidade porque un meteorito pasou por aquí, ou porque un volcán rebentou sen previo aviso, senón polo desmesurado maltrato continuado á terra e á atmosfera, por non preocuparse de prever o futuro e non apearse do coche nin cando imos mercar o pan.