Non é a primeira vez que pasa, de feito, ocorre sempre que acae algunha traxedia colectiva. Cando pasa algo como a vaga de incendios que ameazou o país hai tan só unhas semanas, fóra da tempada que lles é propia -que falta de consideración a dos incendiarios-, os responsables botan balóns fóra ante as críticas alegando que se está tratando de politizar o asunto. O que pasa é que as críticas vanlle no cargo aos que participan nunhas eleccións para representar aos cidadáns e teñen a encomenda de tomar decisións, unhas decisións das que, por suposto, deben responsabilizarse, para ben e para mal. Tendo en conta que é a Administración a que ten competencias no asunto da xestión forestal e das políticas contraincendios, parece claro que deben ser os seus responsables os que teñen que responder cando as lapas cercan cidades e calcinan casas, por moitos pirómanos que haxa soltos por aí prendendo lume.
Os que acenden as lapas son os culpables da traxedia, pero a responsabilidade de poñer os medios para que, chegado o caso, as consecuencias sexan o menos graves posible é dos políticos aos que votamos. E iso é evidente que non se fixo. Pedir que non se politicen os incendios e aprobar axudas millonarias para os afectados non vai evitar que a historia se repita o ano que vén se non se muda a forma de facer as cousas.
Iso é o que pediron os cidadáns que saíron á rúa tralos últimos incendios forestais, que se atalle o problema de raíz dándolle ao monte a importancia que ten para esta terra. ¡Lumes nunca máis! Non, non é un eslogan político, por moito que uns partidos o asuman como propio e outros arreden del porque o consideran un ataque. Non o é. Non é nada persoal. É o grito dunha sociedade farta de experimentar un ano si e ao seguinte tamén a impotencia e a rabia de ver queimarse un país cada vez menos verde. A primeira resposta da xente foi protestar, solidarizarse e botarse ao monte para poñer o seu gran de area para intentar cambiar as cousas. O ideal sería que esa reacción non fora pasaxeira, e que estivera acompañada de movementos nos despachos.
Todo o mundo estará de acordo -salvo os pirómanos, claro- en que hai que facer algo para acabar coa lacra dos incendios. Digo eu que ningún partido discutirá iso, así que o que lles toca, porque para iso están onde están, é sentarse a falar e buscar a forma de mudar as políticas forestais para incidir na prevención. Quizais este é un deses asuntos que ben merecen un pacto de Estado, ou de autonomía neste caso. O que parece fóra de toda dúbida é que é preciso que haxa un consenso amplo porque a solución non vai chegar dun ano para o outro, nin sequera dentro dunha lexislatura. É necesario un proxecto a longo prazo, e iso é o que reclama a xente na rúa.