Rituais e protocolos

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

28 oct 2017 . Actualizado a las 05:20 h.

 Os pasos da vida, nacemento, casamento ou funerais, tiveron sempre, en todas as épocas e lugares, un ritual propio, que de tan arraigados non se entenden sen eles, tanto que ata se fai difícil quitarlle esa carga relixiosa que perdura na maioría dos casos a pesar dos 40 anos de estado laico en que vivimos. Aínda así, xa non son tan amargas como dicía Sabina as vodas polo civil, e podemos asistir a actos nos que as palabras de amigos e familiares cobran protagonismo, substituíndo con grande éxito as rutineiras frases dun oficiante estolado. E aínda direi que moitas daquelas celebracións civís ás que teño asistido foron máis emotivas e esplendorosas cás relixiosas, cando en vez do de mandar recoñecer os pecados exhórtase ós noivos a proclamar e facer duradeiro o amor, e en vez de pedirlle pan ó pai dos ceos, deséxaselles un futuro de prosperidade con palabras máis de andar por terra, e sen hipotéticos premios post-morten.

O protocolo dos actos sociais sempre foi algo difícil de asimilar e adaptar ás novas circunstancias, á fin non deixan de ser costumes, e os costumes teñen unha carga supersticiosa pola que non se perden doadamente. Xa vai habendo bautizos laicos que chaman «presentación en sociedade», quitándolle oficialidade e dándolle máis empaque social, con fórmulas menos estandarizadas. O que aínda non hai no noso entorno é unha celebración de entrada na puberdade que substitúa á primeira comuñón, esa en que os cativos visten de maiores, con traxe, uniforme militar ou vestido de noiva (unha clara discriminación sexual), pero tamén un acto no que o motivo principal perde interese ante o que debería ser secundario. Preguntado un neno onde ía facer a primeira comuñón, respondeu que no restaurante Tal, porque para o rapaz era máis importante a festa co compromiso, o laico co relixioso. Semellante a esta os romanos tiñan unha na que o cativo, con grande boato, vestía a toga viril arredor dos 17 anos para indicar o paso de neno a home. E tamén o facía diante dunha autoridade relixiosa.

Tampouco teñen un ritual específico os funerais civís, pois aínda non se habilitou un protocolo que exima ós familiares e amigos do finado de preparar unha despedida sen incenso nin auga bendita que satisfaga a todos, a maioría das veces deixados ó gusto e improvisación dos parentes que, ó contrario ca nas vodas, non están para festas. Aí está o exemplo dos funerais americanos con papatoria incluída e un estrado onde cada quen bota un discurso laudatorio, pero francamente, a min non me gusta, ó mellor porque o meu coñecemento dos mesmos vén vía Hollywood, e nas películas todo é moi teatreiro. Por preferir prefiro algo como o que xa se está facendo común entre nós, a despedida a ritmo da Marcha do antigo reino, esa que tanto serve para un casoiro como para unha procesión fúnebre, dependendo de como se cargue de bombo.

Tamén en Pontevedra, preocupados por adaptarse ós novos tempos, necesidades e crenzas, xa prepararon un lugar laico para tal efecto, para que a despedida non desmereza en nada; e aínda sen marcar ningún tipo de normativa, habilitáronse uns columbarios, ó estilo dos romanos, para depositar as cinzas cando o finado é incinerado e que estas non se tiren por aí...

Pequenos xestos que pouco a pouco irán asentando entre nós, ata que, igual que coas vodas, tamén os funerais sexan máis emotivos.