A firma de Ribeira que exporta moda

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Paula Echevarría e Cristina Pedroche luciron prendas da marca ribeirense

09 oct 2017 . Actualizado a las 07:39 h.

A profesión ou as afeccións do entorno familiar marcan en moitas ocasións o futuro laboral dunha persoa. Hai de feito traballos que podería dicirse que van no ADN. Araceli e Mónica Filgueira Piñeiro criáronse no seo dunha familia na que había unha bordadora, unha modista e varias mans que se movían áxiles ao ritmo das agullas da calceta. Tiñan moitas papeletas para acabar dedicándose ao sector téxtil e non tentaron esquivar o destino, senón que se deixaron levar. Aínda que empezaron camiñando por separado, ámbalas dúas forman Arimoka, unha firma que desde Ribeira tende pontes cara o exterior.

Un dos piares desta marca, Araceli Filgueira, lembra que xa pintaba bocexos sendo unha cativa, o que a levou a estudar Deseño; mentres súa irmá amosou desde nova predilección pola patronaxe industrial, e foi neste eido no que se formou. A primeira adquiriu experiencia nunha coñecida firma téxtil de Taragoña, mentres a segunda engrosaba o seu currículo da man dunha das grandes do sector infantil en Galicia, Pili Carrera. Pero Araceli Filgueira tiña claro que quería dar o paso, independizarse, e así o fixo: «Quería dedicarme á confección de prendas festivas e, aínda que nun principio miña irmá decantárase polo deseño de camisetas, con moi boa acollida por certo; acabou sumándose a min». Así xurdiu Arimoka.

Non foi doado abrirse un oco no sector téxtil, sobre todo partindo dun pequeno taller en Ribeira, pero estas dúas irmás conseguírono a base de esforzo: «O mundo da moda ten que gustar moito porque é bastante duro e esixe unha gran dedicación». Arimoka foi medrando ao tempo que vestía a unha muller actual, feminina e dun amplo abano de idades. «Gustaríanos abarcar máis, pero o noso estilo é sinxelo e está especialmente enfocado aos eventos», explica Filgueira.

Na pequena pantalla

As irmáns Filgueira Piñeiro non só lograron que a súa marca pisara forte en Barbanza, senón que conseguiron traspasar as fronteiras de Galicia, impulsadas polas novas tecnoloxías: «Lembro un vestido, Elena, que foi moi vendido porque o puxo unha coñecida blogueira; e outro, Ángela, que causou furor cando apareceu con el Paula Echevarría, mesmo tivemos que repoñelo», explica Araceli, que non pode evitar facer unha importante referencia á pequena pantalla: «No pasado traballamos no vestiario do programa Sé lo que hicisteis e tanto Paula Prendes como Cristina Pedroche vestían moito de Arimoka. Iso supuxo para nós unha promoción moi importante».

É que, aínda que deron os seus primeiros pasos en territorio ribeirense e desde aquí seguen tecendo a súa tela de araña, a deseñadora afirma que a súa marca ten máis saída nas grandes cidades: «Vendemos moito en Madrid, tanto nun punto físico que temos alí como a través de Internet, e as nosas prendas tamén teñen unha saída importante na cidade da Coruña». Pero esta metade de Arimoka descarta un cambio de localización da empresa: «Decidimos apostar por traballar desde Ribeira, fóra hai outras oportunidades, pero aquí está a familia».

A firma ribeirense ven de lanzar unha nova colección, a de outono e inverno. Nesta ocasión, tocoulle a Araceli encargarse en solitario dos últimos retoques, xa que, por unha cuestión de carácter persoal, Mónica permanecerá un tempo afastada do taller: «Levamos moito negro, aínda que na tenda damos opción de elixir modelo con outra cor que teñamos no almacén, un pouco para personalizar as prendas. Levamos encaixe, algunha polipel de gran calidade, algunha chaqueta especial, unha prenda que non acostumaba estar nas nosas perchas», sinala a deseñadora.

Á espera do que aconteza con esta colección e coas que virán no futuro, Araceli Filgueira asegura que se conforma con seguir deseñando e comprobando que esas creacións gustan: «Faime moita ilusión ver na rúa á xente con prendas nosas».