As chaves da cultura

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

matalobos

07 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

matalobos

Atenea foi quen lle ensinou ós gregos a facer o aceite e o viño, e ás gregas a tecer e a facer as cazolas de barro, por iso lle estaban tan agradecidos e lle fixeron un templo no lugar máis alto e despexado da capital grega, cóntannos os guías que nos levan pola Acrópole.

Todas as culturas teñen os seus mitos para xustificar o coñecemento, como se este non formase parte da evolución, desde aquel primeiro ser que soubo sacarlle punta a unha pedra ata o que aprendeu a usar esa pedra afiada para cortar carne ou para abrir o suco onde sementar. A verdade é que queda moito mellor que alguén baixase do Olimpo e lles ensinase a facer as cousas ca iso que publicou a revista Science hai un par de anos, que a evolución da agricultura viaxou de oriente a occidente a unha velocidade media de dous quilómetros por ano.

É curioso que no mito, podendo escoller a un varón escollesen a unha muller como transmisora do coñecemento, algo que vai máis aló do feito real de que as mulleres eran (e son) as primeiras mestras de calquera cativo. E ó parecer hai moita verdade en todo isto, segundo vimos de saber por un traballo do instituto Max Planch para a ciencia e historia da humanidade, segundo o cal as mulleres de hai máis de catro mil anos xa eran as transmisoras da cultura; conclusión á que chegaron despois de estudiar a enorme diversidade xenética feminina tras o estudio do ADN en enterramentos prehistóricos do sur de Alemaña, un claro indicativo da dispar procedencia das mulleres que en xeral eran orixinarias dunha rexión distinta a aquela en que foron enterradas.

Claro que entrando no miolo do estudio, tamén podemos dicir que non a transmitían por cousa boa, senón porque era o sexo máis débil e desprotexido incluso na Idade de Pedra, cando -segundo as conclusións da investigación- era común que os homes permanecesen no lugar de orixe durante toda a súa vida, mentres que as mulleres se desprazaban para casar e xerar fillos alí onde eran mercadas, queridas ou desexadas, e este costume estendeuse entre finais do Neolítico e principios da Idade de Bronce, de tal maneira que, ó lugar onde formaban unha nova familia, levaban os coñecementos aprendidos na casa materna, mellorando os que houbese no novo fogar, mentres que os homes eran, niso dos avances da ciencia e da cultura, moito máis conservadores. E xa me estou imaxinando a unha daquelas esposas dicíndolle ó marido como mellorar as frechas se quería traer carne fresca á casa, ou cal era a forma máis idónea dunha pedra para ter un muíño último modelo na cociña.

Á fin nada diferente de hoxe en día en que os varóns, por moito que presumimos de tecnólogos e entendidos en toda clase de ferramentas, seguimos deixando as cousas da casa (núcleo esencial de toda sociedade) na man das mulleres. A mesma evolución da cociña de ferro á de butano e desta á indución soe ser unha decisión feminina en tempo e forma. De feito, aínda que todos os cociñeiros famosos son homes (salvo raras excepcións), todos aseguran que aprenderon a cociñar con súas nais e avoas (tamén salvo raras excepcións). Polo que, aínda que este estudio se limitou no espazo a un lugar concreto de Europa, ben podemos asegurar qwue a chave dos avances sociais estivo sempre en mans femininas nas distintas culturas e localizacións xeográficas.