Leccións do silencio

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

06 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Avida está a darnos todo o tempo leccións e, ás veces, son insospeitadas. Vou contarvos a que me está a emocionar estes días. Na Pobra do Caramiñal os nosos maiores non falaban da Guerra Civil. A xente escapaba dese asunto, silenciaba como a súa familia capeara o temporal ou, se contaba algo, era agachando o máis dramático. Durante un tempo aceptei a teoría que explicaba ese silencio polo medo instalado pola ditadura.

Sendo certa, non é a única razón: os nosos vellos eran conscientes de que algo desa bicha maligna que vive en nós nace das palabras. Que as palabras reparan, claro, pero tamén poden sementar dor. A vía que eles atoparon para esconxuralas foi o silencio. Noutro tempo, noutro lugar, ao mellor tería sido doutro xeito. ¿Quen son eu para darlles leccións?

Estes días, os meus amigos do Barbanza (mariñeiros, albaneis, emigrantes, fontaneiros) envíanme mensaxes ao móbil ao redor do que estamos a vivir. En todas elas fálase sempre de «os nosos avós» e de «respecto». E decateime de que de pequenos, malia non falarmos da guerra entre nós nin nas nosas casas, aínda así, escoitabámola. Era un silencio ruidoso.

Agora, esa memoria turbia emerxe como unha ensinanza gravada a lume na nosa pel. Pensei nesta prudencia dos meus barbazóns, ao ver estes días tantos túzaros con estudos prendendo cartuchos de dinamita nas redes sociais e nos medios. Se cadra ningún deles, por moito que digan, tiveron na casa uns silencios tan profundos coma os que nós vivimos.