Antón Vilariño: «O que proba a UNED Sénior, repite»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O curso arranca con estreas: unha nova materia de música e un ciclo de charlas

30 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres anos empezou a funcionar en Rianxo a UNED Sénior, un plan de estudos dirixido aos veciños maiores de 55 anos. Aínda que a iniciativa colleu a moitos por sorpresa, non tardou en callar. A gran aceptación que ten nestes intres vese reflectida no número de alumnos, que se sitúa ao redor do cento. Nestes intres está aberto o prazo de inscrición para o novo curso, que arrancará en cuestión de días con varias novidades. Contounas, a través dos micrófonos de Radio Voz, un dos coordinadores, Antón Vilariño.

-¿Como foi a acollida da UNED Sénior ao longo destes anos?

-Moi boa. Empezamos como é lóxico cun número limitado de alumnado, pero este foi aumentando e, ao mesmo tempo, viuse tamén incrementada a cifra de materias. A ver o que ocorre este ano, pero chegamos xa a superar o cento de estudantes. Hai que ter en conta que, ata este curso, debían ser maiores de 55 anos; agora rebaixouse a idade a 50.

-Falamos de universidade a distancia, pero as clases son presenciais, ¿verdade?

-Efectivamente. Neste caso son clases presenciais, ao longo de dúas horas por semana e por materia. Aproximadamente trinta horas ao cuadrimestre. Emprégase o auditorio municipal de Rianxo e as aulas do antigo Liceo. Tamén se inclúen saídas.

-Pasaron bastantes alumnos polas aulas, ¿hai quen repite?

-Temos un alumnado fixo. Na aula de música de Rianxo estamos ao redor das 20 persoas e incluso hai lista de espera. Tamén en informática se van buscando novos campos e hai xente que ven ano tras ano. Hai varios que tamén acoden de xeito simultáneo a varias clases. O que proba a UNED Sénior, repite.

-¿Cal é o perfil do alumnado?

-Vai un pouco en función das materias, segue habendo unha gran diferenza por sexos. Por exemplo, nas aulas de cociña seguen a predominar as mulleres; non debía ser así, pero é a realidade. Na de informática e na de música hai bastante igualdade. Por desgraza, séguese a manter o rol tradicional, pero a ver se o rompemos dunha vez por todas.

-Os alumnos, coa experiencia vital que teñen, tamén terán moito que ensinar...

-Esa é unha das pretensións da UNED Sénior, que os alumnos tamén sexan mestres ao mesmo tempo, que cada un vaia achegando o que foi na súa vida. Sempre se poñen en común as experiencias e iso imprímelle riqueza á iniciativa.

-¿Que materias hai programadas para este novo curso?

-Temos iniciación á informática e a Internet, que vai impartir Diego Rodríguez, quen tamén formará aos alumnos interesados en redes sociais. Tamén hai un ciclo de cociña con Carmen Freire, e logo, cultura musical e a tradición oral en Galicia, a cargo de Xosé Luís do Pico. El tamén se encargará, xunto con Pepe Romero, dunha das novidades deste ano: práctica instrumental, gaita e percusión. Máis alá das materias, estamos poñendo en marcha un ciclo de conferencias sobre a memoria histórica.

-¿En que vai consistir ese ciclo?

-Este ano conmemórase o 80 aniversario da posta en marcha do campo de concentración de Rianxo. Foi o 14 de novembro cando desembarcaron os primeiros prisioneiros procedentes de Asturias. Para honrar a súa memoria e lembrar o que aquí padeceron imos ter un ciclo de oito conferencias, unha cada un dos meses que vai durar o curso. A primeira será o 18 de novembro. O relator será o profesor Bernardo Maiz, que explicará os motivos da sublevacións dos militares no 36. En decembro falarase da represión da Barbanza e intervirán Xesús Santos, Miguel Somoza e eu mesmo. Remataremos en maio cunha homenaxe ás mulleres, diferenciando por unha banda as represaliadas, que as houbo e moitas en Barbanza; e por outro, as solidarias, aquelas que colaboraron nestes campos de concentración para axudar aos prisioneiros.

-¿Algunha estrea máis prevista para este novo curso?

-Poñemos en marcha un espazo permanente da UNED Sénior en Rianxo, concretamente na Aula Activa do Mar. Alí haberá un local aberto un día á semana para coordinar os traballos que se vaian facendo e tamén para tratar de incorporar a alumnos do instituto Félix Muriel. Queremos que haxa un labor conxunto.