Cuestión de fe

Domingo Regueira

BARBANZA

29 sep 2017 . Actualizado a las 10:51 h.

-Ai meu home! Así ímosche moi mal!... Se perdes a fe en todo, non sei que vai ser de ti! Non hai quen te salve! Non fas caso do médico..., non tomas as menciñas... E andas encima da perna. Xa me dirás! Pensas que che vai pasar coa augardente? Moi ben! Pois alá ti coa túa paranoia. Non hai peor cousa que perder a confianza nos que saben. Pareces un retrasado!

-Tamén ti tiñas fe no «barbas» e, de que che valeu? Sempre falabas ben deles para que os votasen e agora, cando saes, tes que andar mirando polas esquinas.

-Non me cambies de conversación!

-O voto é secreto. E eu botei por quen me deu a gana! E ti, como non botaches, non tes dereito a falar.

-No coñecía a lei que lles prohiba falar aos que non votan. Era o que faltaba! Pero, agora que o dis, non estaría mal que aprobasen esa lei, onde computasen os votos en branco, os nulos e mais as abstencións; e cando estes superasen o 50 % dos válidos houbese que ir a unha asemblea constituínte porque, se cadra, este é o desexo dos estafados.

-Ba... bababá! Que entendes ti diso! Vas darlles clases aos profesionais..., aos que levan toda a vida na política. Eles son estudados e saben ben o que fan.

-Si...si! Xa se está vendo. Din que están creando empregos, e a caixa de pensións vai a menos. Ti segue coa túa fe, a ver a onde te leva.

-Pois ti coa túa coxeira non vas a ir moi lonxe.

-Mira! Zenón de Elea dicía que nunha carreira dando a volta á Terra, entre un coxo e Filípides, a partir da metade do camiño o coxo sempre iría diante do atleta.

-Si. Moita papilla! Xa sei por onde me vas saír coa túa retórica. «...y los españoles son mucho españoles». É o único que sabes dicir!

-Só che falta perder a fe en Deus. Ti, para que pensas que estudaron os facultativos? Para matar a xente ou qué?

-Non..., non a matan, porque se quedarían sen traballo. Igual ca os medicamentos das farmacéuticas, que non curan. Cronifican! Porque se sandasen, perderían clientes.

-De que me falas, oh...? Ti non ves que agora a xente dura máis? Cando viches ti un senador traballando ata os cen anos? De aí que aumenten a idade laboral...

-Coido que agora a xente ten o cerebro coma o disco duro de Bárcenas, e ti es unha delas. Sodes máis radicais vós cós xihadistas do ISIS.

-Ai..., iso si que non cho consinto! Xihadista seralo ti e mais o da “coleta”!

-Pois entre ti, Inda, Marhuenda e Losantos, podiades crear a confraría de don Paco, e saír con el na Semana Santa. Non quero pensar no éxito que iades ter!

Domingo Regueira

Natural de Palmeira. Arqueólogo, acuarelista e

escritor de narracións breves.