No corazón de Rianxo

BARBANZA

29 sep 2017 . Actualizado a las 10:52 h.

Poucos autores son quen de converteren a filosofía nun discurso narrativo e faceren xurdir desa mestura un xénero novo. Este é o caso de X. Ricardo Losada, maxistral nas distancias curtas, capaz de combinar á perfección a modernidade coa tradición, de forzar en nós o pensamento e facernos acariñar o final dos relatos cunha sutil e intelixente ironía. Por iso, había tempo que agardabamos por unha novela súa para comprobar o seu talento nun texto longo, que xa tivo un orixinal preludio na biografía novelada de Faustino Rey Romero. E si, a espera pagou a pena, porque Bótame deste mar fóra é unha novela excelente que confirma a altura creativa deste escritor rianxeiro. O punto de partida é Alberte Hevia, un profesor que foxe da cidade da Coruña e aterra en Rianxo xusto no remate das festas da Guadalupe. Aquí namora de Helena, unha moza que agacha todo un universo misterioso, simbólico, connotado polo mar. Con estes fíos, o autor envólvenos nunha historia ambigua e xenial e tece unha novela estupenda, ateigada de personaxes memorables que nos levan por camiños diversos, ás veces incómodos, pero deixando en nós unha pegada inquieta e desconcertante que ficará para sempre. Parabéns.

«Bótame deste mar fóra»

X. Ricardo Losada

(Toxosoutos, 2017)

248 páxinas