Asegura que a maquinaria está engraxada e roda ben, polo que lle augura unha longa vida ao suplemento
27 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que será o venres, coma sempre, cando verá a luz un novo suplemento de A Voz de Barbantia, o 127, a cita mensual da asociación cultura adiántase nesta ocasión a mañá. Terá lugar en Noia e servirá para presentar o quinto recompilatorio, o que recolle desde a publicación 101 ata a 125. Detrás deste volume e de cada suplemento hai un equipo de traballo do que forma parte Manuel Cartea, que é un dos coordinadores.
-¿Que significado ten para Barbantia este recompilatorio?
-É o presente, o recompilatorio proba que seguimos aquí. O pasado serían os catro volumes anteriores e o futuro, o sexto, no que xa estamos a traballar.
-Semella que a traxectoria de Barbantia é imparable.
-De momento, si. A asociación está moi asentada, conta cun equipo de traballo extraordinario e tódolos seus membros coñecen os fins, os obxectivos perseguidos. Cando unha maquinaria está engraxada, non sen esforzo, as cousas rodan.
-¿A que atribúe o éxito deste suplemento?
-Ao éxito da asociación, que é un espazo de encontro, unha plataforma cultural supramunicipal e apartidaria, aínda que non apolítica. Ese carácter comarcal engloba a moita xente, intelectuais que precisaban dispoñer desa canle de expresión.
-¿Viñeron entón Barbantia e o seu suplemento a encher un oco que había na comarca a nivel cultural?
-No eido da cultura sempre hai moito que facer. É un eido ao que os organismos oficiais dedican poucos orzamentos, cando debería ser ao contrario, xa que a cultura tamén pode ser un elemento de dinamización económica.
-¿Cal é o principal obstáculo que tiveron que superar nesta longa andaina?
-Hoxe diría humildemente que non hai atrancos, pois a inercia xa nos impulsa. Se tivera que falar dun obstáculo, diría o económico, se ben é certo que imos obtendo apoios, tanto da Deputación coruñesa coma dos concellos da comarca.
-De cara ao futuro, ¿hai algún cambio no horizonte?
-Creo que non moitos. É certo que falamos da creación dun premio, quizais de ensaio, e tamén de potenciar o encontro de creadores.
-E no suplemento cultural, ¿hai algunha modificación en marcha?
-Se son para mellorar, os cambios sempre son benvidos, pero non é doado introducir modificacións neste suplemento, pois está moi estudado e sintetizado. Falamos de incorporar poesía, pero non é doado. Polo demais, as doce seccións existentes abranguen creo que tódolos aspectos da cultura que poden ser de interese.
-¿Ten predilección por algunha sección?
-Hai unha sección que é moi querida por todos: En obras, porque representa o futuro. É a oportunidade que lle brindamos á xente que empeza a escribir para que se faga ver. Non é un apartado no que abunden as colaboracións, ao contrario, pero imos saíndo adiante.