Barreiras

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

Unha habitación adaptada para persoas con mobilidade reducida é aquela que permite a unha cadeira de rodas facer xiros de 360 graos, tanto no dormitorio como no aseo, e que a disposición do mobiliario e dos sanitarios sexan accesibles a carón deles. Non se precisan doutros requirimentos, en moitos casos estrafalarios, que fan rexeitar o seu uso polas demais persoas, o que supón un quebranto económico para os establecementos que están obrigados a dispoñer deste tipo de instalacións e, ademais, crean estereotipos artificiais da nosa realidade porque, resumindo, a experiencia amosa que o que é axeitado para as persoas discapacitadas aínda o é máis para as persoas sen eivas.

Levo moito tempo desvencellado dos movementos reivindicativos das persoas con diversidade funcional e pensaba que as demandas máis habituais para o noso desenvolvemento estaban superadas, pero veño de facer unha viaxe por Asturias e tiven a precaución de chamar previamente a varios establecementos de hostalería que me aseguraron ter os baños adaptados. Pois ben, a maior parte dos sanitarios, a pesares dos seus amplos espazos, tampouco respondían ás características deste tipo de servizos.

Colixindo podemos dicir que, en algúns casos e á forza, a normativa cúmprese pero as normas non, sendo unha obriga legal que compete aos concellos vixiar. Dos hoteis de Barbanza coñecín un na Pobra que non cumpría, pero calquera pode comprobar que, na meirande parte das instalacións hostaleiras da comarca, tampouco, e iso non é bo nin para o turismo nin para nós e, sen sinalar a ninguén, alguén tería que facer algo.