«A nosa paixón é a madeira, pero non podemos vivir do romanticismo»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O rianxeiro asumiu o reto de substituír a Gerardo Triñanes á fronte da entidade e desenvolver o seu papel á perfección

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva no sangue a carpintaría de ribeira. Hai máis de cen anos que o seu avó puxo en pé un estaleiro no que, tres xeracións máis tarde, seguen a construírse exclusivamente barcos de madeira. Di Ramón Collazo (Rianxo, 1963), presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), que os da súa especie son uns superviventes e non dubida en poñer sobre os ombreiros o peso da responsabilidade de ser, xunto aos demais socios da entidade, «salvagarda do patrimonio marítimo flotante». De tradición, de innovación e de futuro fala entre a actividade frenética do seu taller.

-A comezos do verán firmouse un convenio coa Consellería do Mar, ¿con que finalidade?

-O convenio ten dous apartados: a difusión da carpintería de ribeira, cunhas xornadas que se van celebrar en Rianxo en outubro, e a elaboración dun catálogo en consonancia coa declaración da actividade como ben de interese cultural.

-¿En que consiste ese catálogo?

-Estase recompilando información para lograr un documento que recolla boas prácticas para a recuperación das embarcacións tradicionais e de época, respectando o bo facer dos carpinteiros de antes, pero incorporando novas técnicas e novos compostos para o selado da madeira, a estanquidade... Neste catálogo tamén vai haber unha actualización do censo de estaleiros de madeira. O último elaborouno o Cetmar no marco dun estudo realizado hai uns 11 anos. Hoxe somos vinte socios na entidade, naquel momento o número duplicábase. Necesitamos a tutela da Administración, que nos está axudando moito, porque cos que somos non temos capacidade para sacar isto adiante.