Santo Ernesto, o Che

BARBANZA

MATALOBOS

16 sep 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

Á santidade pódese chegar por dous camiños: o da gratificación por facer algo rendible para a Igrexa (santa Ilduara construíu conventos e pariu a san Rosendo) ou por devoción popular (Xoana de Arco incluso foi queimada polos inquisidores antes de ser recoñecida santa). Hoxe traemos o exemplo de santo Ernesto (o Che), santo en Bolivia, liberador en Cuba e guerrilleiro para o mundo, a quen no lugar en que foi asasinado hai corenta anos se lle erguen altares e ata se fixo unha rota de peregrinación a onde morreu, onde os paisanos o converteron nunha «forza que protexe e prevé», a quen lle rezan cristiamente pedindo a súa intervención. E aseguran que intervén.

O Che cumpre con todos os requisitos dun santo popular, loitador pola súa causa, expansión da mesma a través do mundo, predicación entre as clases máis necesitadas prometendo un futuro mellor e, finalmente, unha morte inxusta, sen xuízo previo, a pesar de terse rendido, para non deixalo falar e expoñer a súa verdade diante de ningún tribunal. Unha persoa así só tiña que dicir que todo o facía seguindo as ensinanzas do Evanxeo para que a mesma Igrexa o canonizase, pero é que o Che, non era moi partidario das xerarquías, nin de hipocrisías, nin de milagres pola cara bonita, por iso marchou da illa ó continente coa súa mensaxe de liberación, sen máis símbolo ca unha estrela. El non prometía un reino nos ceos, senón o benestar na terra; e a verdade é que a súa palabra calou na xente e mantense xeración tras xeración, tanto así que o seu santuario en Bolivia está presidido por unha frase tan atea como chea de fe: «Ninguén morre mentres sexa lembrado». E o Che non só é lembrado máis aló das persoas que conviviron con el, senón que tamén foi beatificado desde o mesmo momento da súa morte, por uns que o poñían como líder revolucionario e por outros que o comparan co mesmísimo Xesús Cristo: «El deu a vida por un ideal loitando por nós, igual que Cristo a dou», asegura unha paisana que foi das primeira que viu o seu cadáver exposto para os fotógrafos.

Cheos de fe e convencidos de que foi un mártir, e que como todos os mártires ten o beneficio da santidade, narran como a alma do Che, transformada en can, protexeu a unha veciña certa noite de medos e insomnios. Unha historia tan fantástica como a de calquera outro milagre que nos conten, por iso, anque a Igrexa non o ten no santoral, está nos altares populares. E en Bolivia esténdese a devoción e o gusto de «andar cos dous», con Xesús e co Che, entre os devotos, tanto nos camiños da fe, como no que vai de Vallegrande, onde foi exposto e soterrado o seu corpo, ata ó pobo-santuario de La Higuera, hoxe La Higuera del Che onde o mataron, seguindo unha rota marcada con estrelas vermellas; un pobo, este, de cen habitantes onde as casas se adornan con altares en que se recoñece o rostro do guerrilleiro, como se fosen os nosos petos de ánimas, con inscricións que só a fe popular pode inspirar, «a túa loita é o camiño», «ti vives por sempre», sen faltar quen asegura que rezándolle ó Che cúmprese o que se lle pide; por iso, nunha gruta presidida por unha cruz, unha imaxe do Che comparte altar coa Virxe María e unha inscrición que reza «O teu exemplo alumea un novo amencer».

A ver se isto non é ter fe nun santo.