Fernández Albor

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

12 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha frase moi recorrente cando alguén pretende calquera obxectivo sen trabas, «¡e nada de política!». Haber chegado a tal percepción por parte da cidadanía debería facer reflexionar aos nosos políticos. Todos os grandes pensadores, agás os marxistas e derivados, conclúen que, en purismo, as democracias susténtanse na pluralidade política. A ética e a política, segundo Aristóteles, son ciencias prácticas.

Co gallo de que Gerardo Fernández Albor cumprise os cen anos de idade, a TVG fixo unha reportaxe na que o ex presidente da Xunta manifestaba que unha das súas satisfaccións máis importantes fora acadar que Galicia tivera unha televisión pública. Agora debe estar exultante xa que nestes intres temos dúas. Non pretende este columnista facerlle un reproche a quen foi providencial para A Pobra do Caramiñal asumindo a gran infraestrutura do peirao pobrense, senón das consecuencias de que algo que, a priori, debería ser social e culturalmente positivo remata sendo unha perigosísima arma como se está amosando en Cataluña e que outras comunidades poden seguir a mesma deriva.

Moitas veces os gobernantes actúan con boa fe e mellor intención, pero hai certas decisións que deben ser moi meditadas e, insisto, o caso máis paradigmático témolo no tema das policías autonómicas, porque Núñez Feijoo non é un perigo institucional pero hai outras formacións galegas que poden acadar o poder, e que si o poden ser. Emporiso coido que a partires do 2 de outubro cómpre reconducir o noso esquema territorial asumindo que as autonomías non foron, en xeral, do máis exitoso para España.