Causa Perdida: Unha nova pílula para os adeptos ao rock

Paula Riveiro / p. c. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A banda formouse hai pouco máis dun ano, pero xa gravou o seu primeiro disco

07 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa máis dun ano que Chalo Piñeiro, Diego Romero, Rafael Pérez e Ramón Barreiro se xuntaron para comezar unha nova andadura musical co grupo Causa Perdida. Os seus compoñentes, todos eles da zona de Noia e Lousame, xa formaran parte doutras bandas, polo que xa son uns veteranos do rock. Uníronse para fundar un cuarteto de voz, guitarra, baixo e batería coa única pretensión de pasalo ben. Agora, acaban de gravar o seu primeiro disco, Hasta el final, con 12 temas propios que comezarán a distribuír nos seus concertos. «Nesta primeira tirada imos facer 500 copias, pero cremos que van ser poucas», afirma un dos integrantes da agrupación, Chalo Piñeiro. O vocalista explica que xa houbo uns cantos amigos que pediron que lles gardasen un cando saian á venda.

A principios de 2015 arrancou o proxecto do grupo, pero non foi ata un ano despois cando completaron a formación e empezaron a ensaiar para saír a actuar. Debutaron en xullo, grazas ao apoio dos amigos e coñecidos que os animaron a seguir adiante, e o verán pasado tocaron nalgunhas salas de pequeno aforo. O seu propósito era chegar a gravar os seus temas porque «a todo grupo lle gusta deixar constancia do seu traballo». Empezaron a ensaiar para este fin e en decembro metéronse de cheo no estudo. «Rematamos en maio, xa que nos tiñamos que adaptar aos horarios, pero despois aínda houbo que levar a cabo un proceso de mestura posterior».

Quixéronse dedicar por completo ao disco e ata que o sacaron adiante non pensaron en facer concertos. «Despois de rematar as gravacións no estudo empezamos a ensaiar os outros temas de cara aos concertos», di Piñeiro. Pero os carteis de moitos festivais estaban xa pechados e, por iso, este verán tiveron poucas saídas, aínda que agardan, de cara ao outono, actuar nalgunha sala para promover o seu primeiro traballo discográfico, unha nova pílula para os amantes do rock.

Un tema con repercusión

Hasta el final é o nome dun dos temas que forman o álbum e o mesmo que lle da nome. «Esa canción tivo bastante repercusión e escollémola para titular o cedé», afirma Piñeiro. Conta que moitos dos que escoitaban as pezas lles comentaban que esa en concreto tiña un ritmo moi pegadizo. Pero o disco está composto por 12 temas, «11 máis un», como di Piñeiro, xa que hai unha versión. Salvo esa, son todos de creación propia do grupo. As letras foron escritas por Chalo Piñeiro e adaptadas por todos nos ensaios, para melloralas.

Pero este disco non é á única novidade da banda. Este verán gravaron tamén o seu primeiro videoclip co tema que lle da nome ao traballo. Publicárono o 12 de agosto na súa páxina de Facebook e xa supera as 5.000 visitas. Porque, a pesares do que poida parecer, nunha época na que a música comercial soa por todos lados, o rock segue a ter os seus adeptos. «Mentres quede xente que o toque e escoite, o xénero non morrerá», defenden en Causa Perdida.

Polo momento non pensan aínda nun futuro. Queren realizar un concerto no que presentar o seu disco e logo actuar nalgunhas salas para darse a coñecer e seguir medrando como grupo. Son realistas e recoñecen que é difícil introducise no mundo do rock, xa que «non está a vivir unha das súas mellores etapas». Co tempo agardan seguir ofrecendo concertos e compoñendo temas para chegar a publicar un segundo disco. Polo de agora só queren vivir o momento, sen máis propósitos que o de seguir desfrutando coa súa afección.

Os compoñentes. Todos eles son xa veteranos no rock, pero foi no inverno de 2016 cando Chalo Piñeiro (voz e guitarra), Diego Romero (guitarra), Rafael Pérez (baixo) e Ramón Barreiro (batería) uniron forzas en Causa Perdida.

Primeiro disco. Aínda que non se dedican á música de maneira profesional, o seu primeiro disco, Hasta el final, estará á venda a principios de setembro.