Máis Centenario

BARBANZA

Un dos recordos que primeiro se me ven á cabeza cando penso na infancia é o vinculado ás tardes de xogo cos amigos. Todos na rúa, correndo e rindo, á porta das nosas vivendas da aldea, sen temor a sufrir atropelos. O panorama mudou moito desde aquela, sobre todo nos grandes núcleos de poboación de Barbanza, pero as aspiracións dos cativos seguen a ser as mesmas, dispoñer de amplos espazos ao aire libre nos que desenvolver as súas afeccións, forzar amizades cos seus semellantes, darlle patadas a unha pelota ou sinxelamente ser espectadores do bulir da nenez. Como as vilas aspiran a medrar, cómpre reservar eses lugares destinados ao lecer dos nenos antes de que sexa demasiado tarde e as moles de formigón o invadan todo.

En Ribeira está comprobado que ese espazo elixido polos cativos é o Centenario. Aínda que se trata dunha praza de recente construción, a súa orientación abrigada dos ventos e a súa localización estratéxica en pleno centro da cidade fan que sexa o lugar de xogos escollido por cada vez máis familias. E as que o frecuentan confirman a diario que se quedou pequeno, que precisa con urxencia unha ampliación. Non hai máis que ver o formigueiro no que se converte cada tarde soleada do ano, sempre e cando a praia non sexa unha competidora avantaxada claro está, para entender que o futuro urbanístico debería pasar por preservar esta paraxe e convertela nunha gran área de ocio destinada a nenos e mozos de diferentes idades. Unha segunda pista multideportiva, unha zona diáfana e pulida para os patinadores e mesmo un parque con elementos para a escalada e tirolinas son algunhas das ideas que se me veñen á cabeza.

O que está claro é que construír un centro social ou calquera outro edificio, independentemente da súa función, na finca anexa ao Centenario e reservada para unha sede da Seguridade Social que parece que non vai chegar, sería encaixonar o Centenario e matar para sempre as súas posibilidades de expansión. Non estaría mal que, no futuro, o parque abranguera tamén una parte dos terreos que están detrás dos xulgados e conectara así coa senda que chega a San Roque, outro espazo chamado a ser revitalizado.