Polas comisións

Unai González DESDE FÓRA

BARBANZA

Pasada a resaca, reflexiono sobre as críticas, destrutivas, que algúns fan duns actos que se organizan coa ilusión froito do traballo non pagado e menos agradecido do puñado de persoas que integran as comisións de festas. Este encarnizamento, puntual e singular, é maior nas redes sociais, onde calquera pode converter a súa ignorancia en teoría incuestionable aplaudida polo coro ingrato dos acólitos cidadáns grises que dominan as tendencias da política e a cultura que pensan debe impoñerse a todo co que non comulgan. Podería citar como exemplo a orixinal protesta encabezada por unha miñaxoia que criticaba as festas de Ribeira por maltrato animal referíndose aos ponis que non viu, porque senón decataríase de que eran máis falsos que as promesas dun programa electoral, ou a consideración de que un grupo de ampla traxectoria como Treixadura, que entre outras cousas se refire a Galicia como país, ten dende a súa fundación carné do PP porque foi contratado polo Concello.

Non escoito unha palabra de gratitude ás comisións de festas pola afouteza mostrada, pero eu, que non pertenzo a ningunha, para que non haxa equívocos, si vou romper unha lanza por elas, e máis concretamente polo presidente da de Ribeira e os que o acompañaron na estéril e amarga tarefa de pedir por bares e comercios, discutir cos feirantes ou perder o seu tempo en papelorios, chamadas e asuntos varios, porque o día que as comisións desaparezan seguirá habendo festexos nas capitais dos municipios, pero extinguiranse nas parroquias e diremos aquilo de que máis vale un gaiteiro na rúa do meu pobo que unha banda militar actuando no cuartel.