A piscina do Carrefour

Carlos F. Coto DESDE FÓRA

BARBANZA

13 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron xa nove meses dende que solicitei autorización para dar un tratamento líquido de conservación a unhas pasarelas de madeira na praia. Aburrido de agardar por ela, e xa entrado o verán, chamei a Costas do Estado, por quinta vez. A amable señora que me atendeu indicoume que xa había xa cinco meses que deran traslado a Costas da Xunta. Sen colgar o teléfono, chamei ao organismo autonómico e tras deambular por seis ou sete departamentos pedín que me chamara o responsable de modo inmediato, que o asunto era urxente. Dúas horas despois recibín a chamada dun exhausto funcionario que me explicou a súa crítica situación: el era o único técnico para informar 1.500 quilómetros de costa, que estaba atendendo as solicitudes do pasado ano e en concreto, a colocación dunha piscina inchable do Carrefour.

Unha dramática situación por ter que xustificar o cumprimento das normas urbanísticas, das leis sectoriais, do plan do litoral, da rede natura e dos cumprimentos urbanísticos do concello. Toda unha odisea para que unha familia instalara na súa leira unha piscina inchable. Se tivera a ocasión de cruzarme co cidadán que solicitou colocar esa piscina diríalle que non tiña que ter pedido autorización ningunha: colócaa e punto.

Toda a trama lexislativa e burocrática na que vivimos embebidos só conduce a que os particulares fagan as obras sen solicitar autorizacións, por aburrimento. Cantas máis normas haxa, máis se fomenta a construción ilegal, e se hai que pagar unha multa, págase. Por certo, as miñas pasarelas seguen aínda sen o tratamento de conservación.