Moi boas noites teña vostede

BARBANZA

DANI GESTOSO

Falece o boirense Alejandro Sanisidro Buceta, «Jao»

11 jul 2017 . Actualizado a las 09:53 h.

Dende onte fago esforzos para convencerme de que xa nunca máis vou escoitarche no Farmassia, no Bocacho, na Batea... ou no Don Paquito, cando, pola noitiña, che recibíamos entoando a canción coa que sempre nos regalabas a túa amizade, aquela que compuxeron don Baldomar e Paco O Chono: «Moi boas noites teñan vostedes, cantarlles vimos, lles vimos nós...», coa que ti, cos teus ollos saltóns e brillantes e a túa peculiar voz, encadeabas ata o final, sen esquecer nin unha soa estrofa. Poucos boirenses coñecín coma ti, porque, xa cando traballabas na Coruña, a túa desbordante xenerosidade converteuche nun embaixador para todo aquel veciño que necesitaba axuda cando tiña que facer algo na capital da provincia, ao que guiabas, aínda que fose, da man. Pode que detalles así che converteran na gran persoa que viamos en ti, ou quizais fose tamén que o teu paso por ese Banco Pastor que tanto che doía ultimamente cos avatares que estaba a sufrir, non deixara cicatrices a modo de enganos dos que tantas veces renegastes, incluso entre esas bágoas que delataban a túa enorme sensibilidade. Lembro que en máis dunha ocasión me chamastes a atención con cariño por facerte chorar con algúns dos meus escritos, pero nunca crin que chegara o día no que foses ti o protagonista dun deles, deste, e botarei en falta a túa rifa: «Ares. (...) Fixéchesme chorar». Agora fixéchesme chorar ti a min, porque te fuches inesperadamente e antes de tempo, amigo Jao. E penso que teño unha débeda contigo, a de recordar quen fostes: un neno que, coma min, aprendeu moita vida nos Padres Somascos de Caldas de Reis; un mozo que, ao tempo que estudaba, se implicaba no deporte local e comarcal, como xogador nas «pachangas» de balonmán ou, por exemplo, no mítico Frinsa de fútbol sala; un socialdemócrata irredento, doído pola deriva do PSOE... un boirense que nunca deixou de selo, un home bo e xeneroso, dos que xa non abondan. Botarémosche de menos, Jao. Boiro enteiro botarache de menos. E agora si: «Moi boas noites teña vostede...».