Os mapas perdidos de Arieira

La Voz

BARBANZA

30 jun 2017 . Actualizado a las 11:32 h.

Pertence á estirpe de Juan Benet, de Salvador Pániker, de Musil: a dos enxeñeiros metidos a demiurgos literarios. Empezo dándolle a importancia que el se resta a gadoupadas de ironía marxista (a dos irmáns). O único que me pediu cando lle dixen que ía escribir sobre a súa novelística foi «inclemencia». Así que, recomezo: se nun descoido abandonase por un intre o descremento máis virulento e inmisericorde, gustaría Enrique Villanueva López de pasar o tedioso periodo vacacional da eternidade no mesmo paraíso no que habitase o talento prematuramente infartado de Boris Vian. Ambos comparten o punto de fuga que sostén unha mesma perspectiva do mundo e da creación.

Enrique veu vivir a Rianxo hai oito anos, pouco despois de trocar a tecnoloxía empresarial pola docencia. Desde a mesa na que escribe nun piso de Rinlo con vistas á ría, participa das postas de sol trala serra do Barbanza que describía Don Rafael en Historias e invenciones de Félix Muriel. Non é a única feliz coincidencia. Nada é azaroso, o asentamento espacial dun escritor incontrovertible non o é en absoluto. Escolleu Rianxo entre todos os lugares posibles, e aquí redactou dúas das súas tres primeiras novelas: Ao outro lado do horizonte, Os mapas perdidos de Arieira e Mentira prima. Á volta do outono conta «ter definitivamente inacabada» a cuarta.

A segunda é a miña favorita. Vén preambulada por un «taboleiro de dirección non cortazariano» e introducida por un cita do Tractatus logico-philosophicus de Wittgenstein: «O suxeito non pertence ao mundo senón que é un límite do mundo». O libro complétase con Apuntamentos de hermenéutica de David Costas, o protagonista. Quero vivir para ler a eloxiosa crítica de Vila-Matas, a de Ricardo Menéndez Salmón!

Esquezo unha aclaración talvez importante: Enrique non tivo ata agora o máis mínimo interese en ver publicada a súa obra. A clarividencia do Iluminado, o personaxe que soñou cincuenta anos nunha soa noite con precisión e certidume absolutas, axudará a entender esta decisión. Máis adiante.