O urbanismo é unha ciencia que estuda a ordenación dos territorios que non entraron no proceso de consolidación. Así é como nolo aprenderon na especialidade universitaria en urbanística. Dá pautas e regras de como deseñar novos barrios, de como medrar as cidades e vilas, de como rexenerar tecidos urbanos incompletos. Pero tamén nos aprenderon que as áreas xa consolidadas das vilas e cidades non precisan dunha nova ordenación, tal e como se fai en Francia ou Inglaterra, entre outras: unha rúa con casas a ámbolos dous lados está ordenada pola historia, polas historias das familias que viviron nela, por xeracións. Non precisan ordenación ningunha.
Mal entendido polas administracións, agora tamén polos cidadáns, os centros das nosas vilas viron como os plans urbanísticos foron permitindo construír cinco alturas onde xa había casas de dúas, favorecendo a súa demolición e a unión de varias casas para facer un edificio colectivo, fóra de contexto urbano.
Foi así como foi cambiando a escala das nosas encantadoras vilas, perdéndose a relación de veciñanza e a escala humana, incrementando os problemas de mobilidade... Así xurdiron esas espantosas medianeiras dos edificios altos a carón das casiñas de toda a vida.
Os plans urbanísticos son agora taboleiros de adxudicación de aproveitamento nos que, como nos casinos de xogo, entran os especuladores que non teñen interese ningún na ordenación das cidades. Para eles o urbanismo é un mero negocio de números, para os donos das casas un ingreso extra sen traballar. Plans que desordenan o ordenado.