Novas leis, vellos modos

Carlos F. Coto

BARBANZA

A sociedade europea contemporánea esixe unha maior responsabilidade do individuo coa colectividade, e os lexisladores van adaptando as normas aos requirimentos da cidadanía. Igual que sucede no eido fiscal, no urbanístico vai prevalecendo cada vez máis o interese colectivo sobre o ego individual, batendo coa herdanza que nos deixou o dereito romano, coa bandeira de «na miña leira fago o que me peta».

A propia Constitución española incorpora o concepto de «el contenido social de la propiedad», o que obriga a que as propias leis estatais ou autonómicas fagan prevalecer o público sobre o privado. Nesta liña, todas as normas urbanísticas galegas inclúen a obriga dos propietarios a manter en debidas condicións os seus bens inmobles, so pena de facelo a propia Administración, como execución subsidiaria que debe pagar o dono.

Pero como dixo Chipperfield na conferencia de Rianxo «en Galicia todo vai máis lento» e cústanos máis acatar as leis que nos tocan na nosa propiedade. É a visión dun arquitecto foráneo do que nós sabemos que pasa a diario, e vese traducido na complexa estrutura ilegal que cobre todo o país, unha torta á que poucos mandatarios lle queren meter o dente.

Dito isto, poden lexislar máis, pero as normas sobran se ninguén as fai cumprir. No que á flamante lei se refire, non é doada a tramitación de ruína dun inmoble, pero sobre todo é un proceso lento que non deixa de ser un parche nunha roda chea de buratos. Cómpre tomar medidas dende moitos ámbitos, incidindo na educación, tanto da infancia como dos maiores. É necesario cambiar a programación dos medios de comunicación públicos, introducindo programas divulgativos similares aos que xa hai en Francia ou Gran Bretaña, dende hai moitos anos.

Porque os vellos modos non se cambian con novas leis, senón con unha conciencia cidadá máis consciente, máis respectuosa, que non se consegue coa emisión de programas sensacionalistas nin partes centrados en sucesos e festas gastronómicas, que invitan á despreocupación polo noso patrimonio popular, que na súa parte visible é un patrimonio colectivo, que afecta a todos nós e aos que nos visitan.

Carlos F. Coto é arquitecto, responsable da ARI de Rianxo e responsable da organización do Foro de Rehabilitación de Rianxo.