O centro educativo iniciou onte a cuarta edición do seu proxecto anual, polo que estará albergando actividades con oenegués e entidades
04 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Nun contexto temporal no que a maioría de centros educativos da comarca apostan pola realización das semanas culturais, un instituto, dende hai catro anos, prefire destinar este período a unha lección de igual ou maior valor para a súa comunidade. Trátase do IES Félix de Muriel de Rianxo e da súa semana solidaria, que iniciou onte a primeira das cinco xornadas polas que estará a acoller actividades con asociacións de corte sociais, activistas e oenegués.
«O obxectivo é o de que o noso alumnado coñeza as diferentes realidades da xente que ten algún tipo de problema», con esas palabras definiu Ramón Veiga, o director do instituto rianxeiro, o motivo da continuidade desta cita anual, da que tamén identificou o seu motor no ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia do centro. Precisamente, neste grupo de estudantes recaeu o arranque da primeira das actividades.
Tras pasar ao interior da aula na que se imparte ese título formativo, o primeiro que se escoitou foi a un grupo de persoas maiores e mozas entoando A rianxeira. Ninguén podería dicir que detrás deses rostros de felicidade se esconden as vidas de usuarios da asociación Agadea, diagnosticados de alzhéimer. «Esta actividade é fundamental para que os alumnos entren en contacto con persoas que nun futuro terán que coidar», explicou Mónica Iglesias, docente deste ciclo.
Con total autonomía, as alumnas organizaron unha sesión de café para conversar e escoitar as vivencias dos maiores, algo que en boca de Martina González, integrante de Agadea, «para os nosos usuarios é como un sopro de aire fresco para continuar no día a día». Da mesma opinión é a estudante vilagarciá Andrea Herbón, que anota: «Creo que esto no nos forma solo a nivel académico, estamos compartiendo algo más con ellos, que nos abre las puertas a lo que nos encontraremos en el futuro».
Os coloquios
Por outra parte, o salón de actos do Félix Muriel foi o escenario de dúas charlas. A primeira correu a cargo de Montse Vilafranco, integrante de A Creba, que trasladou a campaña informativa sobre enfermidades mentais, Dálle voz, ao centro. «La idea es la de acercar este problema a la población joven para romper estigmas y tabúes», indicou Vilafranca que proxectou un vídeo no que se amosaba a aparición repentina dun destes males nunha persoa.
O peche da primeira xornada recaeu na experiencia da activista María Díaz de Pablo no campo de refuxiados heleno de Idomeni, que relatou a penosa situación na que Europa acolleu aos desprazados de conflitos bélicos como a guerra de Siria ou a migrantes de carácter económico.