Emilio García: «No Museo do Mar atopei un refuxio»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Ten na imprenta un novo libro de poemas inspirado nos tesouros da sala noiesa

03 abr 2017 . Actualizado a las 11:34 h.

O amor ao mar pode chegar a ser infindo. Hai quen se pasa media vida sucando as augas e, despois da última travesía, cando desembarca por derradeira vez, segue a sentirse atraído polo cheiro a salitre. Ocórrelle a Emilio García, coñecido popularmente como Portosín, sobrenome que emprega para asinar as súas creacións literarias. É que, desde que deixou atrás a súa profesión de mariñeiro, el dedícase a escribir. O Museo do Mar de Noia, recuncho ao que acode a miúdo para rememorar os moitos anos que pasou embarcado, é a súa gran fonte de inspiración.

A afección polas letras venlle de lonxe a este vello mariñeiro. Asegura que se mergullou no seu mundo ao mesmo tempo que no mar, cando aínda non cumprira os 8 anos. Versos, teatro, pequenos relatos... Emilio García foi xogando coas palabras en diferentes estilos literarios a medida que pasaban os anos: «Estando no barco, aproveitaba o tempo libre para escribir». A súa paixón pola literatura levouno a manter contactos con escritores ilustres como Antón Avilés de Taramancos, co que lembra frutíferas conversas: «El sempre me animaba a publicar a miña obra. Dicíame que se escribía e ninguén o sabía era coma se non escribise».

Pero Portosín tardou tempo en decidirse. Foi no 2011, cando xa lle puxera fin á súa longa travesía como mariñeiro, cando publicou a súa primeira obra, o poemario titulado Luces e soños. Os homes, as mulleres, os seus traballos, o seu carácter... El di que calquera temática, «aínda que sexa o detalle máis insignificante», pode darlle pé a poñer en funcionamento a súa maquinaria creativa. Iso si, Emilio García recoñece que o mar é un referente na súa obra: «Medio século nun barco dá para moito. No mar pásase de todo, porque unha manobra equivocada pode derivar nunha grave situación de perigo».

Alianza perfecta

Foi cando se aliou con Félix González, a alma mater do Museo do Mar de Noia, cando a pluma de Emilio García cobrou axilidade. Un libro sobre o léxico que se emprega na ría de Muros e Noia, e outro no que se narra a historia do museo foron as primeiras obras en común. «Imaxinamos que o museo era unha especie de barco que navegaba polo mundo e que un día atracou en Noia para ficar aquí para sempre», comenta sobre o volume que se mergulla nas entrañas da sala noiesa dedicada ao mundo do mar.

O museo converteuse na súa gran fonte de inspiración. Tanto lle dedica unha panxoliña no Nadal coma un poema coincidindo con aniversario. Neste intres, Emilio García ten na imprenta un libro de poesía inspirado precisamente nesta sala: «No Museo do Mar atopei un refuxio. Todo o que hai no seu interior lémbrame capítulos da miña vida como mariñeiro. Ata parece que cheira a mar».

Aínda que percorreu o edificio miles de veces, cada vez que entra nel, Portosín non pode resistir a tentación de fixar a vista nos motores, nos aparellos da ponte de mando, nas redes, nas maquetas... «Todos estes elementos fan que viaxe ao pasado. Emociónome ao ver todo isto, sobre todo porque moitos aparellos seguen funcionando», relata.

Ao igual que o seu inseparable Félix González, Emilio García ansía ver o novo museo: «Sería moi bo para o pobo, pois constituiría un atractivo importante. Este tipo de salas están ben para evitar que se esqueza o pasado». Con respecto ao Museo do Mar, ten claro que non sería nada sen Félix González no temón: «El é a alma deste museo, a persoa que lle dá vida. Exerce o papel de guía de forma excepcional. De feito, aqueles que veñen por vez primeira repiten e moitos mandan pezas para aumentar os fondos da sala».