Os medos da comunicación

Juan Ordóñez Buela DESDE FUERA

BARBANZA

01 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A xente da rúa, coma ti e coma min, comeza a firmar a idea de que os medios de comunicación, en tanto que exentos da unificación da historia planetaria, amplían e canalizan o proceso de redución, distribuíndo no mundo enteiro as mesmas simplificacións e clichés que poden ser aceptados pola maioría. E pouco importa que nos seus diferentes órganos se manifesten os diversos intereses políticos. A xente da rúa, cando olla os xornais, tanto os da esquerda coma os da dereita, cre que todos teñen a mesma visión da vida, que se reflicte na mesma orde segundo a cal se compón o seu sumario, nas mesmas seccións, as mesmas formas xornalísticas, no mesmo vocabulario e no mesmo estilo, nos mesmos gustos artísticos e na mesma xerarquía do que consideran importante e do que xulgan insignificante. Este espírito común dos medios de comunicación disimulado trala súa diversidade política é o espírito do noso tempo.

O problema é que, aquí e agora, só nos unen as nosas diferenzas, e a xente da rúa que sempre desconfiou do político, tamén empeza a desconfiar do xornalista. En principio, a expresión xornalismo independente foi unha redundancia, logo unha distinción e hoxe por hoxe é unha dúbida. Aznar chegou ao poder co latiguillo de quen quería pasar páxina, de quen non pretendía mirar ao pasado, senón gobernar con vistas ao futuro. De feito, amosou talante centrista e conciliador ata que empezou a tambalearse. No día de hoxe estamos xogándonos a liberdade de expresión.

Escribiu o outro día nun artigo Muñoz Molina: «Esta dereita é tan primitiva que ir en contra dela apenas require reflexión». Afortunadamente, non se imaxinaba o papelón cando Aznar dixo, referíndose ao centenario do 98, que hai que «fuxir do vitimismo». O que non explicou é como fuxir dos verdugos. Aznar pechou o discurso pedindo recuperar «o espírito crítico e a esencia dialéctica de Baroja, Azorín, Valle-Inclán, Machado...» Non sei como se pode recuperar á España máis cabreada da historia: Baroja era anarquista; Machado rematou sendo comunista; Azorín, conservador; Valle-Inclán, no carlismo... Tamén hai un pequeno problema; o cabreo é o mesmo, desgraciadamente, os cabreados non.