Amor e interese

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LÍNGUA PROLETARIA

BARBANZA

25 mar 2017 . Actualizado a las 13:13 h.

Hai un tipo de mono no Brasil que liga usando unhas pedras como ferramenta para cascar noces, co que atrae a atención das femias que quedan máis engaioladas coa súa habilidade ca cos seus atributos anatómicos. Porque esa maña dálles a seguridade de saber que, coa tal habelencia, o machote sempre terá algo que ofrecerlle, aínda que só sexa o contido duns froitos secos. É como se elas entendesen que iso da fermosura é pasaxeiro, pero ter boa man é garante de benestar. Xulio chámalle a high society dos monos, porque aí pode resumirse o de «quérote polo que es e non polo que aparentas».

Asemade, hai anos, en certas facultades universitarias correuse o conto de que determinadas mozas ricamente engalanadas, só se matriculaban coa esperanza de conquistar a futuros profesionais. Rapazas que aspiraban á licenciatura da súa vida cun ano de matrícula. Estas, segundo Xulio, pertencen á high society dos sapiens. E é que como iso do amor sen pan só queda ben nas novelas, a pesar de tantos Romeos, Xulietas, Calistos e Melibeas, segue habendo quen deixa a súa profesión e renuncia a un currículo envexable por un príncipe ou un dentista, como di a canción.

Na alta sociedade prevalece ese intercambio de favores, de dar fillos a troco de seguridade, tan propio do mundo animal e daqueles tempos nos que os roles entre machos e femias estaban tan marcados que se convertían en valor de uso e inversión de futuro. A dote e o enxoval non só era unha aportación para asegurar certa estabilidade, os mesmos monarcas, tantas veces casados sen ter visto endexamais á súa esposa, negociaban con notarios e escribentes as cláusulas dun matrimonio convertido en sociedade limitada, e por iso cobraba legalidade a barregá, que daba fillos do amor fronte ós da estirpe.

Estes días comentábase dalgún musculoso deportista (homo sapientísimo) que sen perder o tempo no leito fecundativo fixo fillos, por pares, vía tubo de ensaio. Tal vez sexa un bo método para evitar matrimonios de comenencia (e de convenio tamén) ou para evitar que antes de matrimoniar se xunten os respectivos avogados a negociar polo miúdo que é de cada un, co fin de evitar as feridas que pode abrir un futuro divorcio. Pero tamén agora que andan os da fashionable people en preitos de corruptela, vimos de saber, con grande sorpresa para os que non temos moita imaxinación financieira, que máis aló da separación de bens, os individuos divórcianse sen deixar de compartir cama, para poder delinquir libremente en favor mutuo. Son os chamados divorcios civilizados, que comparten garaxe, casa e festas cos cativos. Á fin de contas, tanto para os monos como para os modelos sociais a imitar, segundo ditan os manuais de papel cuché, o cemento da fidelidade é unha simple cuestión crematística.

Non estamos descubrindo nada novo, pero a vantaxe destes monos brasileiros sobre nós e que se amañan sen avogados de por medio. Eles, que non teñen obrigas de monogamia, senón tan só a de asegurar a descendencia (como os cristiancísimos monarcas da nosa historia), saben que mentres teñan habilidade para cascar noces non lles falta quen lles dea mimos e cariños, e se algún día un xaguar lle arrinca unha man ó mono mañoso e o deixa toco, a súa outrora amada abandónao sen ter que gardar as aparencias e enrólase con outro que lle casque as noces, esquecendo aquilo que mandan os preceptos: na riqueza e na pobreza, na saúde e na enfermidade ata que a morte os separe.