A primeira barbancesa que atrapou o mazo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Oscar Vazquez

Polas mans da ribeirense pasaron no último lustro preto de nove mil casos, cinco deles asasinatos

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O destino pón ás veces obstáculos no camiño das persoas para que acaben realizando aquela misión para a que semella que naceron. Quizais por iso, Paz Filgueira (Ribeira, 1972) non foi quen de atopar traballo cando no 1995 se licenciou en Dereito pola USC. Un ano vendo como tódalas portas se lle pechaban foille suficiente para recorrer a un plan B. No 1999 convertíase na primeira barbancesa que atrapaba o mazo, un soño feito realidade: «Ser xuíza era unha ilusión vocacional, pois xa na carreira me atraía a idea, pero non me lancei antes porque as oposicións son moi duras».

Un ano en Barcelona e outro a cabalo entre Salamanca e Santiago servíronlle para atopar o seu primeiro destino como titular en Lalín, onde había dous xulgados mixtos. De alí, a ribeirense ascendeu a maxistrada en Ferrol, para pasar logo a un xulgado do social en Compostela, onde estivo catro anos: «Foi unha experiencia vital. Alí empecei a valorar a situación de discriminación da muller, con reducións de xornada imposibles e marxinacións por embarazo».

Comezos difíciles

Motivos persoais e ese primeiro contacto coa defensa dos dereitos das féminas levaron a Paz Filgueira a concursar para situarase á fronte do Xulgado de Violencia sobre a Muller Número 1 de Vigo, posto que ocupa desde hai un lustro. Asegura que os comezos foron duros ou, máis ben, sorprendentes: «Cos primeiros casos que chegaron ás miñas mans pensei que non era posible que iso pasara, pero non tardei en decatarme de que era moi frecuente. Espertei a outro mundo, ao dun conflito que está moi estruturado na sociedade».

Fala da violencia de xénero e os datos que manexa son os mellores argumentos para defender esa percepción que ten da situación actual: «Nos cinco anos e medio que levo en Vigo pasaron polas miñas mans case 9.000 casos e, na maior parte, non se trata de reincidentes. Aquí é difícil ver dúas veces a mesma cara».

Os máis graves, os cinco expedientes relativos a outros tantos asasinatos que pasaron pola súa mesa, catro deles nun mesmo ano. Pero Paz Filgueira quere facer tamén fincapé nas tentativas: «Non todos conseguen o obxectivo, que é matar á muller. Se fora así, neste tempo levaría unhas vinte mortes».

Polo posto que ocupa e pola experiencia laboral, esta ribeirense debería ser quen de responder a unha pregunta que aflora esta temporada de tantos casos de malos tratos e de asasinatos: ¿Que está fallando?. Pensa que, en materia de igualdade, non se avanzou tanto como moitos cren: «As condutas son as mesmas de sempre, se ben é certo que cada vez hai máis denuncias porque hai máis medios para informar ás vítimas. Cando eu cheguei había un 40 % de renuncias e agora a porcentaxe está sobre o 15 %, que segue a ser bastante».

Cuestións socioeconómicas

Saber que hai detrás dos malos tratos é difícil, pero Paz Filgueira apunta con rotundidade cara a cuestións de carácter socioeconómico: «O home xa non pode manter o seu papel de pai protector e provedor e iso provoca situacións altamente violentas». Está convencida de que o sexo masculino tamén está detrás das trabas que se poñen para facer visibles os datos reais de vítimas: «As cifras que se publican son as xudiciais, pero non son as reais. Aos homes, que teñen o poder, non lles interesa falar de números reais. Eles teñen un medo tremendo a perder o seu poder de privilexio».

Por comentarios desta índole, a ribeirense considérase «odiada polos homes de poder», pero gústalle o papel: «Eles temen perder a súa posición de privilexio, que se vexa que non teñen tanta cualificación e que ocupan o posto no que están só por seren machos». Máis recursos para loitar contra a violencia de xénero e para protexer ás vítimas, políticas de igualdade e, sobre todo, conseguir que o traballo que as mulleres realizan na casa sexa produtivo e remunerado son os primeiros pasos que, segundo Paz Filgueira, urxe dar para cambiar a situación.

A ribeirense confía en que, nun futuro próximo, se vexa a luz ao final do túnel: «As mulleres teñen que revelarse por un motivo de supervivencia e penso que o movemento xa está en marcha». Ela seguirá loitando, desde Vigo, consciente de que, na sociedade actual, «ser muller é un risco».