Dereitos, privilexios e responsabilidades

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

04 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o 8 de marzo e, dende logo, queda aínda moito por reivindicar, como demostra a polémica no Parlamento Europeo a conta do debate sobre a igualdade salarial entre homes e mulleres e o exabrupto dun eurodeputado polaco sobre a intelixencia da metade da humanidade. Queda moito polo que loitar a nivel laboral, en soldos e en condicións, en dereitos e facilidades para acadar a conciliación. Se ben, demasiado a miúdo, se pon en dúbida directa ou indirectamente, ás veces seguramente de forma involuntaria, que iso sexa un dereito e non un privilexio.

Hai xa uns días que o presidente da Xunta volveu ao traballo trala súa recente paternidade. Vaia por diante a felicitación ao xefe do Executivo galego, pero isto vén a conto de que se incorporou ás súas responsabilidades apenas unha semana despois -día arriba, día abaixo- de que viñera ao mundo o seu cativo. E a min sorpréndeme non ter lido ou visto comentarios ao respecto, porque estou convencida de que, se en lugar do presidente da Xunta, estiveramos falando da presidenta de Andalucía, por poñer un caso, a cousa sería ben distinta. De feito, cando Susana Díaz volveu ao traballo 45 días despois de dar a luz, choveron as opinións sobre se a responsable do Goberno andaluz debería gozar da baixa maternal completa ou non. Pero agora non se produciu ese debate, e parece que non importa.

Eu creo que si importa. Porque o feito de que os cargos públicos, sexan homes ou mulleres, renuncien ao seu dereito pode levar á falsa crenza de que son privilexios, non dereitos. Sobre todo cando se trata dunha cuestión tan sensible, pola que se segue a loitar na demanda de permisos máis amplos e tan importante no camiño cara a igualdade. Asumir que a baixa de paternidade non é tan importante nin tan necesaria como a de maternidade, como parece desprenderse dos últimos acontecementos, fai un fraco favor a esa loita.

Asumir que o papel do pai nas primeiras semanas de vida do seu fillo non é crucial afástanos da igualdade. Porque un home ten o mesmo dereito que unha muller a estar preto do seu cativo, e se ben é certo que é a nai a que ten que se recuperar de todo o que supón un parto e o nacemento dun cativo, tamén o é que precisa todo o apoio e axuda posibles. E claro que ser presidente da Xunta é un traballo moi importante que implica moitas responsabilidades, pero ninguén é imprescindíbel e se o país non foi a pique nunha semana, malo sería que uns días máis foran condenarnos ao desastre.

En resumen. Cada quen que faga da súa vida un pandeiro se quere e pode, pero ocupar un cargo público leva aparellada una responsabilidade, especialmente en cuestións tan sensibles coma esta.