A renuncia

juan ordóñez buela DESDE FUERA

BARBANZA

C hegar a certas alturas da vida faite partícipe dun cruel paradoxo: es máis sabio porque contemplas un treito maior do camiño vital e quédanche menos forzas para afrontar esa lucidez. Cando chegamos a ser maiores, todos nunha e noutra medida, somos conscientes de que viamos e ata loitabamos por un mundo máis xusto, sen prebendas, sen ditaduras de ningún tipo. Aqueles dos meus compañeiros que quedaron no camiño transitan hoxe pola mesma senda do máis aló. O posto, a lóxica, a sensación de que todos farían o mesmo levounos a renunciar.

 

Á vida laboral, en moitos casos negra como unha tormenta, tamén cheguei xusto no momento en que profesionais da miña quinta comezaron a rexeitar os vellos papeis para emprenderen a loita titánica de cambialo todo, comezando polo cotián. Hoxe, esmagados por hipotecas e vidas tan grises como as rexeitadas, renunciaron, abandonaron a vella gloria da resistencia e regresaron ao curro. Iso si, esgotados, frustrados e melancólicos como poetas sen versos. Nada lles descubro se traslado o mesmo fatalismo ás privadas vidas. Nada teñen de novo ou privado: os máis regresaron aos modelos dos clubs de Internet. Sen riscos, nin persoais nin emocionais. Din que vivimos unha das perores crises do sistemas. E engado, o peor non é que sexa económica, o pero é que nos están deixando en chasis moral. Tal vez por iso, e por ese antigo costume de buscar referencias nos libros, repasei o volume de Baruk. Leo: «A historia enteira é obra de amor. Os seres búscanse, atópanse, sepáranse, atorméntanse; finalmente, ante unha dor máis aguda, pronúncianse».

Pódese describir mellor o estado real da nosa quinta? Creo que non. Cambien o amor por calquera outra das grandes palabras que enchían a nosa boca, os nosos corazóns e ata as nosas almas, e chegaremos á mesma renuncia. Tamén no amor. Non sei como sairemos desta marusía que debería servir para cuestionarnos todo o vivido, o perdido e o soñado. Para os de xeracións anteriores queda o medo a perder a súa parca pensión. Para os da miña, o sabor a cinza de vernos sen forza para regresarmos á rúa. Para os nosos netos só queda o desfondamento de quen foi educado para ter dereito a todo e vese de golpe sen unha migalla.