Satisfeita de perder calidade de vida

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco CRÓNICA

BARBANZA

Pode que sexa unha impresión persoal, pero ultimamente non deixo de escoitar alegacións en favor dos homes e mulleres que deciden non ser pais. Respecto a súa elección, faltaría máis, pero en determinados momentos penso que eles son os heroes, os valentes que apostaron por ir contra o que se considera normal, mentres que nós, os que optamos tamén libremente por ter fillos, somos os que nos deixamos levar pola corrente, os que asumimos a cómoda posición de non opoñer resistencia contra o esquema establecido, os perdedores dunha batalla que entendo non tería que terse declarado.

Ata o de agora escoitaba e lía certos comentarios con indiferenza, satisfeita da decisión tomada no seu día e sen ter interese algún por defendela, considerando de feito que son aqueles que alzan a voz para argumentar unha elección que debe responder a criterios persoais os que comenten un erro. Pero as declaracións de Samanta Villar remataron coa miña paciencia. Ela que foi quen de converter o seu embarazo nunha especie de reality revélanos que non é agora, despois de ter xemelgos, máis feliz ca antes, que ter fillos é perder calidade de vida.

E claro, ¿a quen non lle parecería, polo menos a priori, que vivir entre biberóns e cueiros, pasar noites enteiras sen pegar ollo e escoitar prantos desesperados sen coñecer a orixe está lonxe do que se coñece como felicidade? Pois que saiban os que coma a tal Samanta aínda están na primeira etapa ou aqueles que non se decidiron por emprender o camiño da paternidade, que o panorama non mellora co paso do tempo. Os que somos pais cambiamos a cafetería polo parque, os encontros cos amigos por festas de aniversario en parques de bolas, as series preferidas por capítulos de debuxos animados que se repiten sen parar e na nosa axenda pasan a ter prioridade os horarios do colexio, da piscina e das clases de inglés.

Ata sei de boa tinta que a situación se recrudece despois, cunha adolescencia que distancia a pais e a fillos e unha mocidade que lle abre a estes últimos as portas da temida liberdade. E se a todo isto lle sumamos o plano económico, con gastos que se multiplican cada ano, o resultado da conta parecería non ter discusión.

Pero, ¿que terán entón os fillos que somos moitos os que, non contentos con ter un aventurámonos a repetir e hai incluso quen tolea de todo e non se detén coa parella? Será quizais que o difícil é o que máis atrae, que o complicado é o que nos empuxa a superarnos ou que a calidade de vida é relativa, que para uns é ter a liberdade de facer o que lles veña en gaña e, para outros, consiste en atoparse cada día cun sorriso capaz de converter a un na persoa máis feliz do mundo.