Estrafalarismos

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

31 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por seren lectores sagaces que non esquecen ler a miña columna, infórmolles que nos encabezados deste xornal pode haber un erro tipográfico na identificación da data que, de ser o caso, se corrixirá adaptando a rotativa, xa que hoxe estamos a trinta e unha de xaneira de dúas mil dezaseta. Non, non se trata dun chiste malo, senón dunha noticia que escoitei fai uns días nun telexornal como unha proposta na loita contra a discriminación por razón de xénero. Coido que con isto quedará amosado que o estrafalarismo non é unha exclusiva de Donald Trump.

Foi noticia de alcance que a alcaldesa de Sarria suspendera pagos por non dispoñer de tesoureiro de habilitación nacional, unha controvertida figura dentro do funcionariado municipal. Así, un tal Rodolfo Martín Villa, que ben podería ser o moneco da ventrílocua Mari Carmen, propuxo, noutra estrafalariada, aló pola década dos oitenta e sendo ministro do ramo, que para facer pagos e ingresos non facían falla os tesoureiros xa que para iso estaban os bancos.

Este tipo de ocorrencias, frecuentes nos políticos incompetentes, son moi perigosas. De feito unha das causas polas que houbo tanto latrocinio en España débese á falta dos controis internos auspiciados por unha lexislación que limitou, a prol dos alcaldes, as competencias que os secretarios, interventores e tesoureiros tiñan. Se hai algo que debemos encomiar do ministro Montoro é que para aplicar certas medidas no control financeiro dos concellos botou man destes profesionais. O que cómpre é reforzar e estender este tipo de controladores en tódalas Administracións públicas.