Adolfo Muíños guiou un nutrido grupo de nacionalistas polas rúas e edificios claves na traxectoria do pai do galeguismo
08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Dende hai anos, o BNG escolle Rianxo para abrir o ano político coincidindo co cabodano do pasamento de Castelao. A elección non é casual, alí naceu o pai do galeguismo, un nacionalismo que, como onte recordou a voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, hoxe segue totalmente vixente. Pero, dende hai un tempo, os discursos políticos comparten espazo nunha xornada como a de onte cunha actividade que cada vez atrae a máis xente á vila rianxeira: unha ruta polas rúas que Castelao percorreu no seu día e que permite descubrir que a súa historia está estreitamente ligada á do propio Rianxo.
De contar un bo número de anécdotas sobre a vida do político e intelectual rianxeiro encargouse o alcalde da localidade, Adolfo Muíños, que cada 7 de xaneiro se mete na pel dun guía turístico para ilustrar aos que se achegan a homenaxear a Castelao e, de paso, presumir de vila. O percorrido comezou diante da casa consistorial, onde o hoxe considerado pai do galeguismo tivo o seu primeiro contacto coa política a través do seu pai, alcalde do partido conservador, que «paradoxicamente, daquela era o que promulgaba máis reformas a nivel local contra o caciquismo e o mangoneo».
Falou tamén da familia Baltar, hoxe propietarios da casa na que viviu Castelao, aos que no seu momento se recoñeceu o seu labor como médicos combatendo a gripe cunha placa na fachada da casa do Concello. Visita obrigada no roteiro é a rúa de Abaixo, onde en apenas cen metros se sitúan as tres vivendas dos tres rianxeiros máis ilustres: Castelao, Dieste e Manuel Antonio: «É unha felicísima coincidencia que define un pouco o que é Rianxo». Na de Manuel Antonio, hoxe convertida en museo, detívose a comitiva xa que nela se conserva unha foto dunha das asembleas nacionalistas das Irmandades da Fala na que participaron Castelao e o propio Manuel Antonio.
Nova incorporación
A ruta seguiu cara a casa de Castelao, que, pese a non ser na que naceu sempre se considerou a súa referencia na vila, e Muíños aproveitou para referirse á de Rafael Dieste, apenas uns metros máis adiante, e anunciar que é posible que o vindeiro ano se sume ao percorrido a visita ao inmoble. Logo tocou encamiñarse á rúa do Medio, e alí, diante da de Feliciano, o alcalde contou que desde o seu balcón soou por primeira vez a Rianxeira orixinal, unha composición coa que os veciños emigrados a Arxentina recibiron a Castelao na súa chegada ao exilio.
A última parada foi a praza da igrexa, un templo que aparece en moitos dos contos de Castelao, coma o que conta a vida de Martiño, co que se puxo fin ao paseo pola historia de Rianxo.