Os alicerces dunha gran canteira

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Eduardo Mosconi e Rafael collazo lograron que a cifra de rianxeiros que reciben formación en materia musical fose sempre en aumento, ata chegar aos 220 alumnos que ten a día de hoxe o centro

03 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Promover unha actividade que require esforzo e dedicación, como é o caso da música, non é doado, e menos cando se parte practicamente de cero. Por iso é máis meritorio o traballo realizado por Eduardo Mosconi e Rafael Collazo. Os dous son os alicerces dunha das canteiras musicais máis importantes de Barbanza, integrada polos 220 nenos de Rianxo que reciben formación nas distintas especialidades e instrumentos que se imparten na escola municipal. Eles son o presidente e o director dun centro que ten 15 anos de historia, ao longo dos cales ven debuxando unha traxectoria ascendente.

Rafael Collazo foi membro da vella banda rianxeira, na que ingresou cando tiña 15 anos. Non tardou en decatarse de que a formación corría serio perigo de extinción: «Facíase necesaria unha escola para nutrir de membros á banda, así que se realizou unha especie de fusión entre esta formación e a escola fundada no 2001 para constituír unha nova banda». Ademais del, impulsaron esta iniciativa Ramón Pérez, José Fungueiriño e Carlos Figueira, que foi o director ata que se marchou para o conservatorio da Coruña. Foi entón cando Collazo se fixo coa batuta. Con ela na man, subiuse por vez primeira a un escenario no 2003.

O actual director tanto da escola como da banda de Rianxo non pode estar máis satisfeito: «Cando entramos no 2001 había 35 alumnos e agora temos 222. Ano a ano, a matrícula foi experimentando un incremento, nunca se deu un paso atrás. Ao mesmo tempo, foron a máis as materias a impartir e tamén o profesorado. Agora mesmo hai un mestre para cada instrumento». Aínda así, recorre a nomes coma os de Sabela Galbán, Iago Hermo ou Antón Alcalde para referirse aos logros que o fan sentirse máis ledo: «Ver que hai alumnos da escola que son profesionais da música é o mellor, porque nos amosan que lles estamos brindando unha oportunidade laboral».

O obxectivo, ir a máis

Tamén Eduardo Mosconi, que preside a escola rianxeira desde hai un par de anos, está satisfeito ao comprobar como a gran tradición musical de Rianxo ten, polo menos a curto e a medio prazo, o futuro garantido. El asumiu o cargo para que mozos coma o seu fillo, que toca a trompeta, puidesen desenvolver a súa vocación. Non dubida á hora de sinalar que, coa banda consolidada, o obxectivo é seguir medrando: «Queremos rexistrar a escola oficialmente e, como non, seguir espallando a cultura musical e ofrecéndolle aos veciños a posibilidade de gozar dela».

Neste sentido, Rafael Collazo vai máis alá. Apunta que aínda que non hai queixa do trato recibido por parte do Concello de Rianxo, que pon a disposición da escola tanto o auditorio coma o Cuartel Vello, o gran obxectivo é conseguir unhas instalacións propias e axeitadas: «Estamos traballando niso e penso que non tardaremos en lograr esta meta. O Concello déixanos as instalacións que ten, pero unha escola precisa, por exemplo, aulas insonorizadas».

Ver cumprida esta aspiración redondearía o bo momento que está atravesando a entidade rianxeira. «O 27 de novembro conseguimos un galardón, no Certame Galego de Bandas, que foi o broche a unha traxectoria e ao bo traballo realizado. O premio confirmou que se está traballando ben, aínda que non podemos baixar a garda e temos que seguir loitando», comentaba orgulloso Rafael Collazo.

Da xestión de Mosconi e da batuta de Collazo dependen máis de 220 rapaces e adultos que desexan, polo menos, entrar en contacto coa música e eles non queren defraudalos. Detrás virán, de seguro, outras xeracións dispostas a darlle continuidade a unha tradición que os dous ansían garantir por riba de todo.