A aldea esquecida que veu novamente a luz

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os noieses narran no documental a historia de Aceredo, un núcleo que quedou anegado cun encoro

20 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1992, a construción do encoro de Lindoso, en Portugal, anegou para sempre a aldea ourensá de Aceredo sen que os habitantes puidesen facer nada por salvar os seus fogares. Iso si, houbo quen quixo perpetuar para sempre a memoria do seu pobo gravando unhas imaxes que constitúen un documento histórico e etnográfico de valor incalculable. Este vídeo caseiro é o punto de partida de Os días afogados, un documental dirixido polos noieses Luís Avilés e César Souto que, despois de recibir o Mestre Mateo, está a percorrer boa parte de España e mesmo foi proxectado máis alá das fronteiras da península.

Foi César Souto, xornalista da TVG, o primeiro que tivo claro que a historia de Aceredo podía ser levada á gran pantalla. Acudiu ao lugar no 2012, para facer unha reportaxe sobre a saída á luz, dúas décadas despois, das aldeas que quedaran debaixo da auga coa construción do encoro. Coñeceu a Francisco Villalonga e soubo que aquela historia non podía resumirse nun par de minutos: «El tiña unhas imaxes que fora gravando desde o 1988 ata o 1992, e que incluían como ía desaparecendo o núcleo e as reaccións dos veciños. Era un vídeo caseiro, pero especial, cargado da emoción de ver a aldea na que nacera esmorecendo. Desde o principio vin que aquel material era moi valioso».

Cando César lle expuxo a idea a Luís Avilés, este non foi quen de dubidalo: «Eran unhas imaxes tan potentes que era imposible dicir que non. Embarqueime no proxecto nese mesmo momento». Era consciente de que o argumento do documental tiña os ingredientes precisos para tocar a fibra sensible do público: «É unha situación coa que moita xente se pode sentir identificada. Pois calquera pode recoñecer esa aldea que quedou anegada como a súa ou como a dos seus pais ou avós. Tamén o comportamento do poder cara ese pobo esperta un gran sentimento de inxustiza».

O camiño percorrido

César Souto e Luís Avilés estaban no certo. O documental Os días afogados foi estreado hai pouco máis dun ano, no ciclo Cineuropa de Santiago, e desde entón non deixa de sumar premios e boas críticas. «Recibimos cada selección nun festival e cada premio con moita ilusión, desde o Mestre Mateo ao mellor documental logrado este mesmo ano ata os galardóns que vimos de recibir en Cádiz, onde o documental obtivo o premio do público e a mención especial do xurado. Vemos que chega tanto aos espectadores como aos críticos e iso é o que nos gusta», comenta César Souto.

A produción audiovisual noiesa mesmo chegou a Bruxelas. Foi proxectada hai uns días na sede do Parlamento europeo, ata onde se desprazou un grupo representativo da cultura galega co fin de reivindicar máis atención e máis apoio: «Fomos convidados para emitir alí o noso traballo, o que para nós constituíu un grande orgullo», apuntou Avilés.

Non conseguiron os cineastas barbanceses entrar na selecta e prestixiosa relación de nominados aos Goya. O documental cumpriu os requisitos para estar entre os 60 seleccionados, pero non logrou despois pasar a criba do gran xurado. «O feito de estar aí xa é importante», apuntaba Luís Avilés; mentres que Souto destacaba que esta era desde o primeiro momento unha misión complexa: «É difícil competir con documentais que teñen o respaldo de televisións ou de grandes produtoras».

Futuro prometedor

E, aínda que o camiño percorrido foi longo, a Os días afogados semella que aínda lle quedan moitos pasos por dar. Despois das estreas en Madrid e Barcelona, que foron posibles porque os espectadores adquiriron previamente as entradas, o documental segue en ruta. César Souto destacaba, de feito, a súa selección para o Miradas Doc, un importante festival de Tenerife.

Ocorra o que ocorra no futuro e, independentemente dos premios e mencións que estes dous cineastas noieses sigan sumando, para eles o obxectivo está cumprido. Querían sacar á luz e perpetuar a historia dun pobo que se negaba a morrer para sempre e, tendo en conta a repercusión que está a ter o documental, queda confirmado que o conseguiron. «O camiño percorrido, con tantas estreas e mesmo a proxección en salas comerciais, é algo que non esperabamos cando iniciamos este proxecto, pero que anima moito e nos da folgos para seguir», comentaba un orgulloso César Souto.