Axudas e nenos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

O país atravesa unha crise demográfica. Xa, iso non é novo. Hai anos que os nacementos caen en picado, pero polo visto non van deixar de facelo e tampouco é de estrañar, porque hai poucos incentivos que animen a embarcarse nesa aventura. O mesmo presidente da Xunta agardou a chegar á cincuentena para dar o paso, e iso que no seu caso o gasto económico que carrea a crianza dun cativo non debería ser un problema. Porque só pensar na factura en cueiros, toalliñas e cremiñas é para botar a tremer.

Esa, claro, é unha etapa pasaxeira, máis curta do que parece segundo os papás e mamás, e por riba agora recibes unha caixiña con produtos de todo tipo, que para min que iso foi o que fixo a Feijoo decidirse pola paternidade. Pero logo comeza a etapa escolar. E unha rápida ollada aos titulares sobre a volta ao cole que se suceden co inicio do curso, coas pequenas fortunas necesarias para equipar a un só rapaz, bota para atrás.

Entre medias, toca a ir á gardería, que tampouco é gratis, pero non queda outra se os proxenitores teñen un emprego -e grazas, claro, o traballiño que non falte- e non dispoñen dunha ampla rede familiar que os axude. Isto, así de entrada, pode arredar a calquera da idea de ter un fillo. Outros pensarán que non é para tanto, que é asumible. Incluso hai quen se arrisca a ir a polo segundo, pero o terceiro... Iso é un verdadeiro desafío ao sistema. Tanto é así que a miúdo, cando alguén anuncia a chegada dun novo membro que converterá á familia en numerosa, é frecuente escoitar comentarios laiándose polo problema que lle vén enriba á parella proxenitora ou insinuando que se alguén ten máis de dous fillos débese máis a un accidente que a un acto de votade propia.

E así, entre a incomprensión social, os malabares para cadrar horarios -o da conciliación son palabras maiores-, chegar a fin de mes e a práctica inexistencia de axudas, viven os pais de familias numerosas. A comarca está por debaixo da media provincial e galega en familias numerosas e o contexto non axuda a que iso cambie; un contexto no que a poboación non deixa de ir a menos e no que un meniño criado no rural acaba por converterse en pouco menos que o neto de toda unha aldea onde a inmensa maioría dos veciños superan amplamente os 65 anos porque non hai máis cativos. Isto non fai reaccionar a ninguén, nin ás Administracións, que parecen non entender que as medidas habilitadas nun intento de favorecer a natalidade non son suficientes.