O alcol leva á morte

Juan ordóñez buela DESDE FÓRA

BARBANZA

Se algún sentido tivo a horrorosa e salvaxe morte da indixente Rosario Endrinal, queimada viva nun caixeiro automático, foi o de tomar conciencia sobre o problema da bebida. O alcoholismo, unha enfermidade recoñecida como tal pola Organización Mundial da Saúde en 1959, é responsable do 40% das mortes, entre accidentes, asasinatos e suicidios, así como do 30% dos ingresos psiquiátricos en España. É unha enfermidade incomprendida, que cheira mal, que non dá compaixón, senón rexeitamento e marxinación, e causa soidade, ruína, cárcere e, a longo prazo, cemiterio no individuo que a padece. É unha enfermidade sen curación, pero cuxas causas se poden atenuar, algo que non todos os afectados conseguen; se o fan, é a poder de aceptación, moito tesón, axuda terapéutica e sobre todo apoio familiar. A pobre de Rosario Endrinal non tivo esa sorte.

 

Vivimos nun país onde en cada esquina atopamos un bar, no que calquera escusa é boa para destapar unha botella; onde divertimento e copas son inseparables; as borracheiras, graciosas e o consumo alcanza cada vez máis os mozos que beben ritualmente cada fin de semana como unha forma de pasalo ben. As estatísticas din que unha elevada porcentaxe destes mozos acabarán alcoholizados, e quizais algún deles, de aquí a vinte anos, tamén acabará durmindo nun caixeiro e, como a pobre Rosario, será increpado e atacado por outros mozos despois dunha longa noite de botellón. Nesta terrible historia temos o paradoxo de que tanto a vítima coma os culpables, no fondo, son froito dunha mesma causa: o alcol conduce á morte, por iso certos pais están preocupados polos seus fillos.