Mesmo que envíe o 59% do lixo que recibe para o vertedoiro, ninguén pon en dúbida que o sistema de tratamento da Mancomunidade Serra do Barbanza é o mellor, ou o menos ruín, dos que hoxe operan na Galiza. Mais iso non fai que deixemos de estar á cola de Europa nos índices de reciclaxe, onde non son infrecuentes modelos nos que se recicla o 90% ou máis dos residuos. Os coñecidos sistemas «porta a porta», que levan anos aplicándose noutras partes do Estado, deberían ser o modelo a seguir tamén aquí.
A planta da mancomunidade non dá máis de si, e está tratando actualmente un volume de residuos moi superior ao previsto cando se concibiu o seu deseño orixinal, e atendendo a cada vez máis concellos. Está na mesa unha proposta de ampliación das instalacións actuais, que implicaría unha maior carga ambiental para as comunidades circundantes, que sofren directamente as súas consecuencias, e a perda dunha oportunidade única para redefinir o sistema, mellorándoo desde a raíz.
A solución valente non é ampliar as instalacións na súa localización actual, éo profundar na redución en orixe e na reciclaxe, asumindo o modelo «porta a porta» e descentralizando o sistema de tratamento creando pequenas plantas en distintos lugares das comarcas implicadas, reducindo os custos de transporte e multiplicando o emprego xerado.
Máis plantas, máis pequenas, máis reciclaxe, máis empregos. Menos lixo a vertedoiros, menos quilómetros de transporte, menos impacto ambiental. Trátase de deixar de ver o lixo como un problema e convertelo nunha oportunidade.
Se ben modelos coma o «porta a porta» demostraron ser efectivos en termos ambientais, sociais e económicos, para que se apliquen é necesaria a coraxe política de asumir prácticas de xestión do lixo que poden, no inicio, resultar impopulares, por requirir un maior esforzo por parte da veciñanza.
E para iso debemos asumir todos a parte que nos toca: desde a Xunta, facendo os investimentos necesarios, ata os concellos, explicando e asumindo a decisión ante a súa veciñanza, pasando por todos nós, que debemos ter conta da nosa responsabilidade como produtores de lixo, reducíndoo na orixe e facendo nosas as pequenas grandes accións diarias que fan a reciclaxe posíbel.