Cando o venres atravesaba o viaduto de Beluso en dirección a Rianxo para asistir ao acto mensual de Barbantia, non puiden menos que mirar o peirao de Taragoña que tan discreto permaneceu todos estes anos. A penumbra dominaba a paisaxe, pero estaba rota polos focos das cámaras de televisión que estaban a piques de entrar en directo nos informativos para dar conta das últimas novidades do caso Diana Quer.
Instantes despois, fun testemuña dun encontro no que unha traxedia do 1937 inspiraba un repertorio de expresións culturais que animaban a non esquecer para non repetir a historia, a mala historia, esa que nunca quixeramos vivir aínda que non fósemos contemporáneos dela, pero que nos pesa porque é de todos. Airiños representou aqueles feitos con mestría, a pesares de que tivera pouco tempo para prepararse. Ché Tembra fixo o milagre de converter o suceso en arte de ferro policromado moldeando refugallo. Antón Alcalde encheu o espazo coa doce música do seu xilófono.
Os recordos e a emoción flotaron no auditorio en lembranza de dous rianxeiros que protagonizaron un feito heroico cheo de xenerosidade, como tomar a decisión de morrer antes de perder a liberdade ou contribuír á represalia dos seus compañeiros.
E un pouquiño máis tarde, no outro extremo da comarca, en Noia, no Coliseo Noela, no contexto da Mostra de Curtas, un feixe de xente reuníase arredor do audiovisual, dos abondosos traballos que concorreron ao festival, de noieses que están a marcar o paso na produción de series que rompen audiencias ou interpretan papeis agradecidos e recoñecidos polo público. E alí, no marco do coqueto teatro noiés, o esforzo da organización convertíase en éxito referendado por un cheo de público que marchou para a súa casa orgulloso polo tanto e bo que poden dar (e dan) estas terras.
E tendo en conta eses tres escenarios -o peirao de Tararoña, o auditorio de Rianxo e o coliseo Noela- lamenteime de que aqueles que aínda hoxe seguen a falar deste territorio cunha terminoloxía que o único que busca é engadir dramatismo a un lamentable suceso, como é a desaparición da moza madrileña Diana Quer, non aproveitasen a oportunidade de comprobar as virtudes que nos identifican como pobo e que resaltaron algúns dos que tiveron ocasión de asistir ás expresións de creatividade que se deron cita tanto en Noia como en Rianxo.
Mágoa de contrastes da actualidade vividos o venres, mágoa dos que están por vir, mágoa dun desenlace que poida ferirnos aínda máis do que estamos, mágoa da oportunidade de comprobar tanto e bo que pode saír da nosa bisbarra.