Tarzán en pantuflas

X. Ricardo Losada ACASOS

BARBANZA

28 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentiría se dixese que teño un talante aventureiro. Quen me coñece sabe que me gabo de ser un tipo sedentario. Mesmo me compadezo de quen ten necesidade de viaxar. Pero equivocariádesvos se pensades que levo unha vida segura. Está chea de riscos pois o nivel de risco é inversamente proporcional á distancia á casa. Calquera neno ten máis posibilidades de sufrir acoso na casa que fóra. Calquera adulto ten máis posibilidades de coller unha depresión profunda na casa que no Caribe. Calquera vello ten máis posibilidades de sentirse perdido na casa que na selva amazónica.

O mesmo sucede cos deportes de risco e esas viaxes de aventuras salvaxes tan de moda. Hai quen pensa que facer caída libre nos Alpes ou ir de turista a unha zona de guerra é máis arriscado que quedar na casa. Falso de toda falsidade. É o mesmo que considerar máis perigoso viaxar en avión que en coche. Identifícanse indebidamente espectacularidade e estatística. A verdade: é moito máis perigoso o fogar propio. Acaso non rompen máis pernas no baño que facendo alpinismo? Acaso non morren máis persoas esmagadas polo tractor na súa finca que turistas bélicos -a última moda- en Irak ou Siria? Non. Un non viaxa para arriscarse pois cando viaxas os mecanismos de defensa (mira que toman precaucións os moi covardes) póñense en alerta. Porén, cando quedas na casa, eses mesmos mecanismos reláxanse, e calquera circunstancia (cambiar de canal sen permiso da parella, poño por caso) convértese nun perigo extremo e inminente.

O outro día estáballe pasando o ferro a unha camisa e cando a puxen vin que a parte de diante, á altura do peito, estaba engurrada. Como aínda non apagara o ferro, collino con toda naturalidade e paseino pola camisa posta, arriba e abaixo, ata que quedou lisa como unha patena. Sei por experiencia (cantas veces me teño queimado) que non é unha acción moi recomendable, pero non penso evitalo. Eu non son deses covardes que, para non pasar o ferro co risco de queimarse, van de turismo a un deserto de África ou a un pico inhóspito do Tibet onde ter a camisa engurrada está ben visto.