Estes días estamos vendo unha demostración do que será frecuente no futuro: unha estación estival máis dilatada e, se cadra, invernos máis curtos e fríos. O cambio climático é unha evidencia científica, onde si existe incerteza é na súa magnitude e profundidade. Como afectará ás temperaturas, precipitacións, graos de humidade e outros factores? Non hai resposta clara. O que si sabemos, por desdramatizar, é que nos últimos dous mil anos levamos varios cambios xa. A idade do ferro foi fría; a época romana; cálida (son tipos con sorte), e o século XVII, unha pequena idade do xeo. Vén isto ao fío de que hai xente con vista, con ollo e con decisión no mundo do viño. Os adegueiros da Ribeira Sacra están mercando socalcos na ladeira sombriza, a do sur, para manter o nivel de frescura dos tintos ricos de alí. Hai quen xa merca terra mesmo no sur de Inglaterra en previsión de que as condicións do viño sexan mellores.
Digo isto porque o Barbanza foi historicamente terra de bo viño e a proba é que as escasas iniciativas actuais conseguen uns caldos máis que decentes e con singularidades derivadas do noso solo e clima: granito inxel, chuvia abundante, humidade mariña. A uva raposa, descuberta agora por Raúl Pérez, un dos grandes da enoloxía mundial, ten a súa razón en sitios como a nosa comarca. Sen embargo, o crecemento das adegas é imposible. As parcelas son tan pequenas que é pouco rendible a produción.
O cambio climático pode crear unha oportunidade interesante para o viño na comarca, de caldos singulares e un pouco máis equilibrados. Terá sentido que o monte, colonizado por eucalipto, vaia movéndose cara este mundo?