Mangantes

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Independentemente de cal sexa o seu desenlace, a historia da Pobra do Caramiñal quedará vinculada para sempre coa desaparición de Diana Quer, desaparición que non ten porque rematar cun desenlace tráxico, senón que pode tratarse dunha aventuriña xuvenil para despedir a súa adolescencia. Incluso pode sorprendernos como pregoeira das festas do Carme dos Pincheiros do vindeiro ano. ¡Sería unha gran ledicia e un gran agasallo! Agora ben, se resulta unha desaparición involuntaria, entón estamos diante dunha situación preocupantemente grave dende a perspectiva do Código Penal español. Vexamos.

Estes días estanse xulgando diversos casos de latrocinio, mal chamado corrupción, como a Gürtel, Bankia, Taula, Púnica... pero, como recolle a Wikipedia, en España houbo, ata o de agora, 126 casos que afectan a case tódolos partidos políticos, sindicatos e algunhas empresas, non sendo o financiamento das campañas electorais o cacho máis gordo do pastel, que podería ter un pase, senón os petos de milleiros de mangantes a título persoal. ¿Tratándose de xente con coñecementos e debidamente asesorada das penas ás que se expoñen, alguén pode pensar que se o castigo fose a prisión permanente actuarían con tanto atrevemento?.

Para mostra un botón. ¿Como é posible que o brasileiro Patrick Gouveia, acusado de asasinar a catro familiares, preferise ser xulgado en España? Polémica foi a «lei da patada na porta» de Corcuera e polémica é agora a «lei mordaza» do PP. Claro que nun país no que un ministro tivo que dimitir por postularse de parte dos nasciturus, ¿que se pode esperar?.