Estes días terán visto nalgún medio de comunicación a historia da famosa bata orixinal de Amancio Ortega. Saiu ata no programa de Ana Rosa e no Pronto. Ata é posible que me viran a min falando da bata no telexornal de Telecinco e Cuatro. Paso as mañás respondendo a xornalistas de toda España como suposto especialista en batas de señora. Como diría a miña avoa: ter unha carreira para isto!
Pois lévoo con paciencia e orgullo. A condenada bata de Amancio Ortega é unha das pezas que seleccionamos para a exposición Galicia 100, que organizamos desde o Consello da Cultura Galega en colaboración con Afundación. Son dous anos traballando nesa gran tarefa: seleccionar cen obxectos que nos conten a cultura galega desde a prehistoria ata hoxe. Hai auténticas marabillas: desde a bandeira do Consello de Galiza ata as cadeas coas que tiveron preso ao Mariscal Pardo de Cela. E tamén está, claro, unha das batas coas que Amancio Ortega creou a maior empresa que naceu neste país. Como non vai estar?
O que é curioso é que a bata que expoñemos atopámola grazas a unha amiga de Facebook en Porto do Son (o meu agradecemento á propietaria), pero as novas apareceron en Boiro! Así que o Barbanza parece ser unha reserva viva da memoria industrial de Amancio Ortega. Na nosa comarca aínda podemos atopar esas marabillosas mercerías de toda a vida que han de gardar aínda grandes tesouros. Así que velaquí temos outra das razóns polas que debe seguir existindo o comercio de proximidade. Para que aparezan tesouros de cando en vez.