¿De que nos estrañamos?

Manolo Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cónstame que durante os primeiros momentos da desaparición de Diana Quer López-Pinel, moitos dos veciños non só mirabamos os informativos das cadeas estatais para informarnos sobre o caso, senón tamén pola curiosidade de saber que imaxe se difundía da nosa comarca ao exterior. Pode soar algo frívolo, pero é inevitable.

A sorpresa para moitos de nós foi, sobre todo, a ruptura da norma. As informacións nas diferentes televisións dábanse sen excesivos estereotipos aderezándoas: nin Galicia profunda, nin narcotráfico, nin meigas, nin bruxas, nin curuxas. Ata pareciamos un sitio normal.

Porque parecer normal non é o normal cando falamos de Galicia. O normal, por desgraza, é a sarta de tópicos emitidos polo documental de Cuatro, dispostos de maneira máis ou menos sutil. As cadeas de ámbito estatal -coa Televisión Española á cabeza- son mestras en construír unha imaxe interesada e deliberada de Galicia a partir de tópicos dunha ruralidade bruta e un mundo atrasado e lastimoso.

¿Que conseguen con iso? Moitas cousas. Unha consecuencia directa está nos milleiros de insultos que se vomitaron ás redes sociais contra os galegos tralas pasadas eleccións. Algúns deles xa nolos agasallaban algúns dos prebostes do Século de Ouro español, como Góngora e Quevedo.

Lonxe de reducirse co tempo, as viaxes e os negocios mutuos, a ignorancia de moitos parece multiplicarse, propagarse e mesmo calar en nós mesmos, fertilizando o auto-odio. E isto só se cambia poñéndose realmente serios.