A desmemoria máis cruel

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

A desmemoria non é boa, en ningún caso. Non o é non querer recordar aos mortos por acontecementos históricos que deberiamos ter presentes simplemente para aprender a lección e evitar que a intolerancia e o odio devolva ao país a un punto sen retorno. É inxusto para os que perderon a vida na batalla. Pero sen dúbida a desmemoria máis cruel é a involuntaria, a que vai gañando espazo pouco a pouco borrando recordos, borrando imaxes, borrando nomes e incluso as caras das persoas queridas. A loita contra esa desmemoria é outra batalla, pero non a deben librar unicamente as familias que conviven coa sombra do alzhéimer ou de calquera outra demencia, é unha guerra que debe librar a sociedade no seu conxunto. Por varias razóns.

Primeiro, porque todo o mundo está exposto a padecer unha desas doenzas ou a ter preto a alguén querido que vexa como a súa mente queda mergullada entre néboa e confusión. E, en segundo lugar, porque eses enfermos e as súas familias non só teñen que convivir coa demencia senón porque tamén se teñen que enfrontar á incomprensión dos demais. Cando era pequena, unha veciña comezou a confundirme coa súa neta, chamaba por min... Tiña alzhéimer, seguramente aínda nunha fase inicial porque, para min, o cambio no seu comportamento produciuse dun día para o outro. Pero ninguén me contou o que lle pasaba e eu comecei a collerlle algo de medo, non acudía cando me chamaba, e agora teño gravada na mente a súa mirada de desconcerto, de non saber que pasaba, de non entender por que quen ela pensaba que era a súa neta non acudía ao seu encontro...

Esa é unha das razóns polas que é importante que se fale do alzhéimer, pero non só en días coma hoxe. É necesaria unha maior concienciación, das persoas en xeral, para que saiban convivir cos que sofren demencia, e para que estean atentos aos sinais, aos despistes que poden ocultar algo máis, para insistir no diagnóstico precoz. Iso, no que lle toca á sociedade. No que respecta á Administración, o seu é garantir os medios para avanzar na investigación na busca dunha cura.