Dise do ser humano que é un animal de costumes e, como tal, resulta difícil sacalo do rego polo que sempre foi. Quizais por iso, setembro é un mes aborrecido por moitos. Porque marca o comezo do inverno, a volta ao traballo tralas vacacións, o inicio do curso nas escolas, o fin dos días longos e a marcha dos turistas. E dá igual que nestes días fixera máis calor ca nunca, co 31 de agosto o verán dáse por finiquitado e preparámonos para o inverno. Menos mal que este mes maldito ten tamén as súas cousas boas, e todo é cuestión de atoparlle o encanto ás uvas maduras nas viñas ou ás follas caídas. Ou, como último recurso contra o baixón post-estival, sempre se pode visitar Rianxo, onde setembro é sinónimo de festa.
Na vila contan as horas para que comecen as celebracións. Hai meses que os veciños planificaron as vacacións para poder ter libre a semana da Guadalupe, desde hai semanas están ultimados os deseños das camisetas juadalupeñas, os empregados do Concello levan días traballando para que todo estea a punto e os establecementos hostaleiros fan acopio de material para uns días nos que algúns beberían ata a auga dos xarróns se fixera falta.
Sabemos o que vén tralo chupitaso desta noite. Sabemos que unha multitude acabará bañada en calimocho, cervexa e canta bebida teñan á man as peñas. Sabemos que o Xixí brincará no balcón do concello por aclamación popular. Sabemos cal será o seu discurso, que lle dará a benvida aos forasteiros, que lle dará as grazas aos veciños que colaboraron e quizais lle mande algún recado aos que non, sabemos que lle pedirá sentidiño á mocidade e, sobre todo, que non collan o coche. Sabemos que haberá conta atrás, que se cantará A rianxeira e que a de hoxe será unha noite longa, e que mañá haberá que dividirse entre o campo da festa e o parque de Galicia para estar en todo, na verbena e nos concertos de rock. Sabemos que o domingo haberá procesión marítima chova ou quente o sol, e incluso quen levará á virxe sobre os seus ombreiros. Sabemos que haberá fogos de artificio, xogos das peñas, día de Padrón e día dos maiores. Sabemos que chegará o xoves e con el o Feirón Mariñeiro, coa xente uniformada coa vestimenta tradicional e as gaitas soando por todas partes. E sabemos que o venres que vén, ás dúas da mañá, o Campo se encherá de bengalas para cantar por última vez A rianxeira.
Sabemos todo isto porque todos os anos é a mesma festa. «Outro ano máis, Lupe», rezaba a camiseta dunha rianxeira un día calquera de calquera Guadalupe. Outro setembro case idéntico ao anterior. Pero seguimos acudindo en masa, e sempre é algo especial. Os descridos pensarán que non, que imos por costume. Eses están convidados a probar. Serán benvidos.