Mover os marcos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Eu son dos que penso que o principal factor diferencial dos galegos non é a lingua, a nosa historia, o clima ou a gastronomía. O que nos fai distintos e especiais é, sobre todo, que case todos nós posuímos unha ou máis leiras.

O feito de ser propietarios ?a ver, minipropietarios? marca as actitudes, e hai moito da historia galega dos últimos dous séculos que podería ser explicable desde os pequenos propietarios. Non é mesmo ser pobre con títulos de propiedade que selo sen títulos.

Como os incendios non nos fan pensar máis nisto? Se cadra, porque ninguén se atreve a meterse no follón da estrutura de propiedade.

Os montes da comarca do Barbanza divídense entre os comunais ?esa marabilla do dereito tradicional? e despois un labirinto impracticable de leiriñas desde o punto de vista xurídico, comercial e mesmo humano. Hai propietarios desaparecidos, tamén desentendidos e desvinculados en moitos casos. A situación penaliza a virtude, ademais. Aquel propietario que ten a súa tira no monte de piñeiros limpa desespérase porque ao redor está todo feito unha xungla. Ou é teimudo, ou desiste.

O Barbanza é unha caixa de mistos chea de biomasa sen xestionar. E vai seguir así mentres non haxa unha revolución na xestión da propiedade que permita converter o monte nun negocio rendible ?como o era nas economías tradicionais?. Nisto eu son pesimista. Así seguirá para sempre. Nunca teremos un Gobernos ?dá igual o signo políticos? que se atreva a meterlle o dente ás leiras e mover dunha condenada vez os marcos.