Hacienda somos todos, disque

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

Hacienda somos todos. Disque. Ti, eu, o repartidor, a caixeira do supermercado, o xubilado que pasea pola Ribeira todas as tardes, a veciña do terceiro, o perruqueiro, o funcionario do concello e o camareiro. Os autónomos que acaban de abrir un negocio e os donos de empresas. Todos. Iso di o efectivo eslogan da Axencia Tributaria, do que o que máis e o que menos se acorda cando o resultado da declaración da renda lle sae a pagar. E debe ser certo que ninguén escapa ao seu control porque paréceme difícil unha demostración maior do celo que poñen os inspectores encargados de controlar que cada un cotice o que debe que unha reclamación por 18,30 euros, nin un céntimo máis nin un céntimo menos.

Pois si, é verídico, para que logo digan que aquí defrauda quen quere. Diso nada. A unha amiga miña Hacienda pídelle explicacións por uns ingresos indebidos de 18,30 euros. Claro que si, moi ben feito, que logo botamos as mans á cabeza cando se fala de paraísos fiscais e por algo se empeza.

Se Hacienda somos todos, eses 18,30 euros están incluídos tamén no lote, que despois dispárase a débeda pública e a caixa das pensións queda baleira porque a xente non cumpre coas súas obrigas tributarias.

A cousa, non me digan que non, é para tomala con sorna despois da tempada que levamos almorzando todos os días -antes de que nos instaláramos neste ambiente electoral perpetuo- con escándalos sobre millonadas ocultas en contas en Suíza ou nas illas Caimán, que para o caso tanto ten. O peor de todo é que iso é público, sábeo todo mundo, e dende logo creo que é un exercicio de responsabilidade tremenda que o resto da humanidade siga pagando relixiosamente os seus impostos mentres outros sacan do país billetes en maletíns.

Tamén pode ser que, máis que por un exercicio de responsabilidade, o común dos mortais responda ás súas obrigas tributarias para aforrar a multa que lle pode caer ao autónomo ou asalariado de turno se o cachan na allada. Porque, á vista está despois do aviso que recibiu a miña amiga estes días, seguro que o cacharán. E que un non se equivoque á hora de cubrir o papeleo da declaración da renda -cada vez máis complicado, por certo- porque, con boa ou mala fe, non hai quen o zafe da sanción correspondente por intentar enganar ao fisco. O que se fai máis difícil de entender é que á Axencia Tributaria non lle pasen por alto 18,30 euros sen a debida xustificación pero si cantidades millonarias como as que acabaron aflorando coa controvertida amnistía fiscal. Mundos veredes.

En vista do panorama, garden ben as nóminas, as facturas e ata o recibo do pan, que nunca se sabe.