As alternativas

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

23 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1989 aterrou aquí don Manuel para botar fóra da Xunta a González Laxe, publicando neste xornal un amplo artigo titulado Galicia na encrucillada, no que, en síntese, e despois de facer unha análise da situación galega daqueles tempos, deseñaba a política que el entendía que había que facer para que a nosa terra tivese as mesmas oportunidades que os demais territorios españois e, no 1990, coaligado con Centristas de Galicia, un nacionalismo non independentista que promovera Euloxio Gómez Franqueira, gañou as eleccións por maioría absoluta, que mantivo ata que, como titulara un xornal leonés, «Solo el tiempo y un petrolero pudieron con Manuel Fraga». Pois ben, nestes intres, e despois do superar o nefasto percorrido do bipartito de Pérez Touriño/Anxo Quintana, a Galicia do unipersoal Núñez Feijoo volve a estar nunha encrucillada moito peor.

Tanto pola lóxica do desgaste do poder como dunha máis que cuestionable xestión das súas políticas na terra de Breogán, o candidato popular pode que non supere, en solitario, os escanos das Mareas-PSdG-BNG, pero, moi pola contra do que acontece na España de Rajoy, aquí non contamos con partidos bisagra que sirvan de colchón, pola banda dereita do espectro político, para amortecer aos galegos indignados, que os hai e son moitos, e que ben podería representar Cidadáns.

Pode que Rivera non se decate de que aquí tamén temos un problema nacionalista e de que os galegos están máis preto dos postulados liberais que do esquerdismo, pero tamén pode ser que a formación laranxa non transmita axeitadamente o seu ideario adaptado á realidade galega.