Corrubedo blues

Emilio Sanmamed
Emilio Sanmamed LIJA Y TERCIOPELO

BARBANZA

04 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres fervían as patacas intentei recordar a miña nai. Non son quen de ter unha imaxe nítida do seu rostro. ¿Por que non recordo?, ¿estou enfermo? Cando me atopo no punto máximo de concentración, cando estou preto do debuxo mental da súa face, soan unhas badaladas que me arrincan o pensamento.  Badaladas, non paran de soar badaladas.

Cando vou remexer a cazola, berro ou creo que berro, non hai patacas, dentro só hai unha masa uniforme de area. ¿De onde saíu todo este xabre? O derradeiro recordo que teño é que petaron na porta cando puxen as patacas a cocer, era unha muller cun meniño e non lle quixen abrir. Badaladas, outra vez badaladas.

Déitome na cama, preciso acougar e clarexar a mente. Pero cando pecho os ollos noto po nas mans. Area, a cama tornouse area. Vou correndo á cociña e os mobles todos tornaron area. Miro pola ventá, as campás seguen a repicar, e toda a vila estase a converter en area. Cuspo, e o que cuspo é area.  E agora xa entendo quen era aquela muller, xa sei que eternamente aquí vai ficar a cidade de Valverde, nesta longa noite de area.

Nota do autor para os máis novos ou para os lectores que o descoñezan: a lenda di que a Virxe da Guía cun raparigo no colo foi petando, unha a unha, nas portas da mítica cidade de Valverde pedindo amparo, coñécese tamén que ningún dos habitantes da vila quixo axudala. A Virxe, desconsolada, volveulle as costas á cidade e esta foi completamente cuberta de area deixando alí as dunas de Corrubedo. Tamén se conta que, algunhas veces, pódense escoitar as badaladas do campanario de Valverde debaixo das dunas.