Perigos foráneos

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

12 jul 2016 . Actualizado a las 11:52 h.

Preocupados debemos estar coa presenza dalgunhas incontrolables especies invasoras foráneas que nos chegan por terra, mar e aire. Unha das máis arrepiantes son as avespas asiáticas, non pola competencia que poderían facerlle ás nosas abellas na recolleita de polen, senón porque son carnívoras das mesmas. Todo apunta a que a Xunta, máis que facer «cacerías», debería botar man dos paxaros depredadores da mesma, que os hai, como as pegas que agora case non vexo.

Pero non menos preocupante é a presenza na ría de Arousa do camarón esqueleto xaponés, que pode poñer en xaque os nosos mexillóns e ameixas, un gran reto para o Grupo de Estudo do Medio Mariño xa que non é comestible polos humanos. Cousa ben distinta é a peruana unlla de gato, un alcaloide que seica ten efectos terapéuticos, algo que co rexurdimento da medicina holística estase comercializando para o tratamento do sida ou do alzhéimer. Tampouco vexo alarmismo cos plumachos. Lembro que na casa dos meus pais houbo un plantar durante moitos anos e nunca se espallou.

Comparto as reivindicacións dos mariñeiros de Ribeira sobre a captura da quenlla, ese tiburón galego que tanto lle gustaba pescar a Suárez. Este peixe é un deses animais que a moitos da beiramar lles produce noxo, como tamén o caracol terrestre tan apreciado en latitudes mediterráneas e que para o campo galego podería ser unha boa fonte de ingresos. Son costumes ancestrais que, sen embargo, gustaban do melgacho, que non deixa de ser un tiburonciño ou do fabuloso congro en arroz, que non deixa de ser unha serpe.